Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Arranca a Semana Europea da Redución de Residuos

A Semana Europea da Redución de Residuos (EWWR), que vén de comezar hai dous días (do 19 de novembro ao 27 de novembro), anima a todos os europeos a levar a cabo accións de concienciación sobre a xestión sostible dos recursos e os residuos. A iniciativa está impulsada polas autoridades públicas locais e rexionais e reúne a todo tipo de actores (cidadáns, escolas, empresas, ONG, asociacións) que organizan actividades de sensibilización sobre a redución dos desfeitos. O que fai especial a EWWR son os esforzos invertidos polos miles de voluntarios que corren a voz sobre o consumo sostible e a economía circular. A EWWR traballa coa xeraraquía de residuos. As súas accións céntranse nas 3R (as que consideran principais a ter en conta para revalorizar os hábitos de consumo): a redución do consumo; a reutilización de produtos e materiais; e a reciclaxe de residuos. Ademais das 3R, tamén fan limpezas para concienciar sobre o problema do lixo. A Semana Europea ten como obxectivos principais: dar a coñecer estratexias de redución de residuos e a política da UE e dos seus Estados Membros nesta materia; fomentar accións sostibles para reducir os residuos en toda Europa; facer públicas as tarefas levadas a cabo polos diversos actores mediante exemplos concretos; e facer cambiar o comportamento dos europeos en canto a consumo e produción. Esta edición explora o tema dos téxtiles circulares e sostibles, analizando o impacto que este sector ten no noso planeta e na sociedade. Inspira non só aos cidadáns como consumidores para que actúen, por exemplo, cambiando a súa forma de usar e comprar roupa, senón tamén ás autoridades públicas, ás empresas privadas e as ONG para que sexan protagonistas da transición ata unha industria téxtil máis circular. Neste sentido, promove, apoia e orienta novas solucións de produción, uso, eliminación e reutilización do téxtil. A industria téxtil e da confección é un dos sectores máis contaminantes, xunto coa vivenda, o transporte e a alimentación. Isto débese ao forte impacto que ten o uso do solo, a contaminación da auga e incluso as emisións de efecto invernadoiro. Este sector ten un alto impacto ambiental e social en todas as fases: dende a produción ata a distribución, o uso e o post-uso (recollida, clasificación, reciclaxe e xestión final dos residuos). Neste sentido, a EWWR indica a necesidade dun cambio, querendo formar parte desta transición. ADEGA celebra unha xornada sobre limpezas ecolóxicas de praias Coincidindo coa Semana Europea de Prevención de Residuos, o vindeiro venres, 25 de novembro, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebrará unha xornada divulgativa titulada “Preservación dos mares a través das limpezas ecolóxicas” na cidade da Coruña. O encontro, que estará aberto ao público xeral, terá como obxectivo principal “dar a coñecer con maior profundidade a problemática do lixo mariño en Galiza e a importancia de efectuar limpezas ecolóxicas nos nosos areais”. A xornada terá lugar no local da Asociación Cultural de Alexandre Bóveda, sito na Rúa Olmos da Coruña, de 17:00h a 20:00h. Por outra banda, daranse a coñecer diversas experiencias de limpezas ecolóxicas. Ademais da ampla traxectoria de ADEGA na organización e coordinación de centos de limpezas ecolóxicas, tamén se compartirán os coñecementos adquiridos neste eido por outras entidades ambientalistas que operan na cidade da Coruña, como o Grupo Naturalista Hábitat ou a iniciativa “marabaixo.gal”. Neste sentido, ADEGA lembra que os residuos que acaban nos mares e nos océanos teñen graves consecuencias para os ecosistemas mariños, xa que máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Ademais, esta problemática ambiental pode afectar tamén á saúde humana e causar grandes perdas económicas. Intervirán nesta xornada divulgativa sobre limpezas ecolóxicas de praias as seguintes persoas: Atocha Ramos, membro do GN Habitat: “Unha década recollendo lixo”; Xandro García, director de marabaixo.gal: “Miña nai limpa a praia dende a casa”; Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico de ADEGA: “A problemática do lixo mariño”; Itziar Díaz, educadora ambiental de ADEGA: “Lixo mariño e participación social”. Logo das intervencións, haberá espazo para a reflexión e debate co público asistente.

Comparte esta noticia