Agolada acollerá a xornada “Vida Contralume”, unha cita para reflexionar sobre a prevención dos incendios forestais
O municipio de Agolada converterase a tarde do vindeiro domingo 2 de agosto nun punto de encontro para a reflexión e o debate arredor dos incendios forestais coa celebración da xornada Vida Contralume, unha iniciativa que combinará divulgación, cultura e participación cidadá para abordar un dos principais retos ambientais do territorio. Esta iniciativa nace coa vontade de crear un espazo de encontro e reflexión arredor dos incendios forestais, a súa prevención, a xestión do territorio e os retos para construír un rural máis resiliente. A través de diferentes actividades reuniranse profesionais, investigadores, brigadistas e cidadanía para compartir coñecemento, experiencias e propostas de futuro.
O programa dará comezo ás 16.30 horas con dous obradoiros simultáneos. Nas Cabalarizas desenvolverase Trazos de borralla, unha actividade de pintura ao natural con tizóns impartida polo ilustrador Ángel Ayude, acompañada pola música en directo de Rico-Vidal. Á mesma hora, na Parra do Caldeireiro, celebrarase Mans á terra, un obradoiro de elaboración de bombas de sementes e sementeiras dirixido por Itziar Díaz, educadora ambiental de Adega. E a partir das 19.00 horas, o Auditorio de Agolada acollerá a proxección do documental Ladrones de Fuego, dirixido por Francisco Vaquero, con entrada gratuíta ata completar a capacidade.
Un dos momentos centrais da xornada será a mesa de diálogo prevista para as 20.15 horas, na que participarán o recoñecido fotoxornalista Brais Lorenzo, o director Francisco Vaquero, o biólogo Iván Orois, a pastora Hael Docampo, o investigador científico do CSIC Serafín González e o enxeñeiro de montes Diego Val, baixo a moderación de Tere Castiñeira. Ademais, poderá visitarse a exposición fotográfica Terra Queimada, de Brais Lorenzo, centrada nas consecuencias dos grandes incendios sobre a paisaxe e o territorio.
A programación completarase cun Mercado de Vinagres do Ribeiro e, xa ás 21.30 horas, co concerto do grupo Escuchando Elefantes nos Pendellos. A xornada rematará cun servizo de catering a cargo do Proxecto Gastronómico Mojar, ademais da cantina organizada por Agolada Viva.
Con esta proposta, Vida Contralume busca fomentar unha visión multidisciplinar sobre os incendios forestais, promovendo o intercambio de experiencias e a concienciación social sobre a importancia da prevención, a xestión sostible do territorio e a construción dun rural máis preparado fronte ao lume.