Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


AGAMEC, a asociación que impulsa a compostaxe cara a profesionalización

A Asociación Galega de Mestría en Compostaxe (AGAMEC) é unha asociación profesional que reúne a decenas de mulleres e homes de toda Galicia con dous obxectivos principais: promover a compostaxe e contrubuír a mellorar as condicións laborais do sector, que se atopa nunha rápida expansión. Polo tanto, é imprescindible a incorporación de profesionais con capacidades para xestionar os procesos, ademais de concienciar e asesorar aos usuarios. Deste xeito, Agamec xurde para garantir que as persoas que desenvolven o seu labor no eido da compostaxe conten coa formación, experiencia e as condicións laborais axeitadas.

 

Sara Luque, Mestra Composteira no Concello de Tui, explica que a asociación naceu principalmente da necesidade dunha cobertura profesional e de crear unha rede de apoio a nivel laboral. Recorda que o colectivo de Mestres Composteiros é moi recente, polo que Agamec xurdiu precisamente da “necesidade de profesionalizarse, de ter unha canle en común para ter un pouco máis de forza como profesión”. Ademais, comenta a asociación está integrada maioritariamente por Mestres Composteiros que están formados por Amigos da Terra, que conta cunha traxectoria en compostaxe de máis de 20 anos; ou xente formada pola Deputación de Pontevedra, concretamente polo Plan Revitaliza, “que fixemos cursos de formación en compostaxe”. Así, recalca que “é un pouco amalgama”, xa que hai integrantes que traballan en concellos, profesionais que se dedican á compostaxe pero noutros eidos, e incluso persoas que están en busca de emprego na rama de xestión de residuos orgánicos.

 

Entre as súas actividades, a asociación ten a intención de “promover a empregabilidade de todos os Mestres Composteiros e formarnos como unha asociación profesional para ter certos dereitos, certas responsabilidades e unha visibilización clara”, afirma Luque. Ademais, Agamec tamén pretende poñerse en contacto con concellos e empresas de toda Galicia para informar sobre os beneficios ambientais e económicos da compostaxe, á vez que facilitará o contacto entre ditas entidades e empresas con todos os profesionais asociados. Tamén intentará colaborar con diferentes institucións, administracións (públicas ou privadas) para desenvolver proxectos relacionados coa compostaxe e a xestión sostible de residuos.

 

A Mestra Composteira engade que “estamos abertos a realizar e editar todo tipo de publicacións de carácter científico ou divulgativo para promover a compostaxe” e poñer tamén sobre a mesa o concepto de compostaxe descentralizada. Trátase dun tipo de compostaxe se fai en distintos puntos en lugar de en grandes plantas: a compostaxe individual, que se realiza nas casas; a comunitaria, que se leva a cabo nos grupos de veciños, como composteiros comunitarios nas rúas; e tamén as pequenas explotacións de agrocompostaxe, que fan o seu propio compost e xestionan os seus propios residuos. Como actividades adicionais, tamén se organizarán conferencias, charlas, cursos e todo tipo de accións destinadas a promover a defensa do medio ambiente a través da axeitada xestión dos residuos.

 

Outro dos propósitos de Agamec, que coincide cun dos motivos da súa creación, é “ter un organismo que poida ser unha figura de apoio para interpoñer queixas, alegacións ou denuncias públicas relacionadas coa correcta xestión dos residuos”, revela Luque. O obxectivo é darlle visibilidade aos problemas relacionados coa compostaxe que se atopan as persoas de xeito individual, xa que moitas veces poden sentirse incapaces ou sen apoio. Conclúe expresando que a motivación xeral da asociación é “apoiar a compostaxe descentralizada e todo tipo de actividades que se relacionen coa compostaxe e a xestión sostible de residuos en todos os ámbitos”.

Comparte esta noticia