Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA rexeita o recrecemento da balsa de lamas de Alcoa

Alcoa ven de presentar un novo proxecto de recrecemento do depósito de lamas vermellas conxuntamente co plano de clausura da balsa. En 2006 a Xunta autorizou recrecer o depósito ata unha altura máxima de 100 metros para estender a súa vida útil ata o 2030. Na actualidade, o dique principal está chegando aos 98 metros e, antes de acadar os 100, Alúmina Española S.A. quere aumentalo aos 104 para, segundo a empresa, seguir vertendo nela lamas vermellas outros 3,4 anos máis. Son datos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que pide á Xunta que “rexeite a nova ampliación da balsa e se ateña ao recrecido autorizado en 2006 que fixaba unha cota máxima de 100 metros para o dique principal”.

Así, a asociación ecoloxista advirte que “non está en absoluto xustificado que Alúmina Española S.A. queira ampliar de novo a balsa e demorar outros 4 anos o seu peche, releando o cumprimento das súas obrigas ambientais. Todo para seguir refinando a bauxita, exportando alúmina e usando o territorio galego unicamente como vertedoiro. Máis de 40 anos cunha espada de Damocles sobre a Mariña son máis que suficientes”.

O primeiro que lle chama a atención a ADEGA na documentación exposta a consulta pública é “o feito de que Alúmina presente como dous proxectos condicionados a nova ampliación do depósito de lamas vermellas e a clausura deste”. A asociación afirma que a ampliación da balsa resposta á estratexia empresarial de alongar a vida útil da balsa mentras produce alúmina, “mais o proxecto de selato é unha obriga imposta pola lexislación mineira”. Outro detalle importante é “o feito de que as estimacións da vida útil da balsa (25 anos) logo do último recrecemento autorizado (2006) fallaron estrepitosamente”.

Por outra banda, ADEGA fai referencia á actividade actual da empresa, que se cingue unicamente á produción de alúmina a partir da bauxita, pois a fundición de aluminio está parada: “O proceso de transformación da bauxita en alúmina é a principal fonte das lamas vermellas que son depositadas na balsa que de novo se pretende ampliar”. Neste sentido, a Xunta permitiulle á empresa na Autorización Ambiental Integrada (AAI) tanto para a fábrica de alúmina como para a de aluminio, “sobardar o volume máximo de verteduras e superar os límites de contaminantes, nomeadamente o flúor, fixados na lexislación”. A asociación pide que “tras máis de 40 anos de contaminación continuada, xa é momento de pensar na clausura da balsa e non no seu recrecemento”.

Ademais, ADEGA lembra que o novo proxecto de recrecido da balsa e o selado definitivo precisarán dunha enorme operación de movemento de terras (máis de 3 millóns de toneladas) mentres as lamas vermellas continuarán a verterse no vaso. Porén, a asociación detectou na documentación do proxecto “preocupantes contradicións e sinais de que a empresa tenta rebaixar as súas obrigas de control, cuestionando por exemplo a categoría do depósito ou xogando coas frecuencias das mostraxes”. Por outra banda, Alúmina Española S.A. indica que para recrecer o dique non precisa construír garantía algunha. ADEGA afirma que se trata doutra “proba máis de que a empresa pretende usar o noso territorio unicamente como vertedoiro para as súas operacións de refino fuxindo das súas responsabilidades, mesmo financeiras, ás que obriga a lexislación mineira”.

Comparte esta noticia