ADEGA pide á Xunta que actúe fronte a un “novo andazo” de gripe aviaria nas costas galegas
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven recibindo nas últimas semanas varios avisos da presenza de aves migradoras presuntamente afectadas por gripe aviaria nas costas galegas, procedentes probablemente do norte de Europa. A asociación indica que se están atopando, principalmente, exemplares adultos e inmaturos de mascatos (Morus bassanus) mortos ou con síntomas de estar infectados. Algunhas das observacións de mascatos infectados producíronse na punta de Estaca de Bares e o litoral das Rías Baixas, desde Ribeira ata a Guarda. Ademais, hai unha semana foi atopado morto un carrán común (Sterna hirundo) na lagoa norte de Baldaio con síntomas desta doenza. “Estes achados posiblemente sexan a punta do iceberg dunha mortaldade severa destas aves fronte ás nosas costas”.
A asociación ecoloxista indica que grupos de observadores de aves advirten dun decrecemento acusado do número de mascatos e doutras aves mariñas, como as palleiras grandes (Stercorarius skua). Neste sentido, o número de mascatos e palleiras grandes observados en agosto e setembro fonte ás costas de Ribeira é de 5 e 10 veces menor que en anos precedentes. Estes datos, sumados aos casos de gripe aviaria xa detectados pola Xunta e a alerta de Gran Bretaña sobre a propagación desta doenza, “ponnos diante dun gromo de gripe aviaria que podería non ter precedentes e acabar matando milleiros de aves silvestres en Galiza e en toda Europa e afectando tamén ás aves domésticas”.
ADEGA lembra que a gripe aviaria é unha das principais causas de mortaldade masiva de aves, tanto domésticas como silvestres: “É unha enfermidade infecciosa, orixinada polo virus da gripe tipo A, que se propaga principalmente de ave en ave polo contacto coa saliva e/ou excrementos infectados”. Ata o momento, a transmisibilidade do virus ás persoas é moi baixa, mais o contaxio entre aves silvestres e domésticas adoita ser elevado, tanto por contacto directo como indirecto. Un dos síntomas que evidencian a presenza desta doenza atópase nos ollos das aves, “que viran totalmente a negro debido ao edema de córnea que produce a infección”.
Que debería facer a Xunta?
A asociación ecoloxista considera que a situación é “suficientemente grave como para urxir ao goberno galego que adopte medidas inmediatas que procuren frear o andazo da gripe aviaria nas costas galegas, así como adoptar as necesarias medidas de prevención da saúde pública e de divulgación de cara á poboación”.
Polo tanto, ADEGA pide á Xunta que se informe periódica e publicamente do alcance do risco de gripe aviaria nas costas galegas e se actualice a información diaria ou semanalmente; que se se realice unha campaña activa de información á poboación galega sobre o que facer no caso de atopar unha ave presuntamente afectada; que se aplique un plan e un protocolo específico de resposta urxente e segura; que se actualice a listaxe de zonas de prevención da gripe aviaria; que se elabore un plan de protección das granxas de aves domésticas máis vulnerables a esta doenza; que se doten os Centros de Recuperación da Fauna Silvestre dos recursos materiais e humanos necesarios; e que se dote de maior financiamento e reforzo de persoal á Gardaría de Medio Ambiente da Xunta.
Mortaldade de aves por botulismo
Por outra banda, a asociación subliña que as aves mariñas “están a pasar por unha difícil situación nesta entrada de outono. Á influenza aviaria que afecta a mascatos e carráns, súmanse as mortaldades por botulismo de tipo C que xa foron denunciadas por ADEGA”. Nesta semana detectáronse novos casos de presunto botulismo en gaivotas patiamarelas (Larus michahellis). Os últimos datos apuntan a sendos casos nos xardíns de "Pénjamo" e na praia de Arealonga de Cedeira, 14 exemplares mortos na praia de Balcovo e 12 no areal de Barrañán (Arteixo).