Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA expresa a súa negativa sobre o novo proxecto eólico que afecta ás Fragas do Eume

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) advirte que o parque eólico Pena do Corvo, ás portas das Fragas do Eume, pretende situarse nunha área de ampliación da RN2000 que Feijóo ten conxelada dende 2011. Segundo a asociación, “non sorprende que sexa de Iberdrola”. Este proxecto eólico, un dos que ameazan a comarca do Eume-Ortegal, ten unha especial significación por situarse a escasos metros do Parque Natural das Fragas. Deste xeito, ADEGA expresa que a afectación destas instalacións ao parque das Fragas é “brutal”, atinxindo ademais á área de ampliación proposta polo bipartito en 2008 e “asumida, anque mutilada, pola Xunta en 2011”. En palabras da asociación: “O proxecto non só vai afogar aínda máis o xa maltreito Parque Natural das Fragas do Eume (masacrado por eucaliptos, incendios, encoros, minaría…), senón que tamén vai coartar as posibilidades de ampliación e impedir a conexión con outros espazos mediante corredores ecolóxicos”.

 

Ademais disto, ADEGA explica que as obras proxectadas desenvolveranse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios, fundamentalmente queirogais húmidos (NAT 4020*), aqueles que a Comisión Europea considerou imperativo preservar: “Estes hábitats de matogueiras e brañas turbosas son chave para aumentar a resiliencia contra a mudanza climática e mesmo funcionan como sumidoiros naturais de carbono, fixando até tres veces máis CO2 que os bosques maduros”. Ademais, a asociación comenta que, paradoxalmente, Iberdrola quere destruilos para «evitar a xeración de CO2» e así engordar a súa conta de beneficios.

 

Na actualidade, a única limitación territorial para a implantación de parques eólicos é a Rede Natura 2000. O seu Plano Director recolle esta prohibición, agás nos casos dos repotenciamentos. Con todo, ADEGA afirma que recentemente a lei de simplificación administrativa suprimiu a obriga de situar os parques dentro dunha ADE (área de desenvolvemento eólico), dinamitando o Plano Eólico ao deixar a discreción da Xunta permitilo ou non. “Xa que logo, a Rede Natura 2000 configúrase como a única liña vermella fronte á invasión eólica”.

 

Velaí unha das razóns polas que esta figura de protección europea conta en Galicia coa menor superficie (12%) de todo o Estado (media 27%), a pesar de contar con máis biodiversidade que outros territorios. ADEGA declara que non é casual que, “malia a existiren procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea pola baixa representatividade de determinados hábitats na RN 2000 galega, as propostas de ampliación desta rede leven conxeladas dende 2011”. A asociación está segura de que non cabe dúbida que a famosa «aperta do Obradoiro» entre Núñez Feijóo e o presidente de Iberdrola Sánchez Galán ten moito a ver coa preguiza da Xunta en completar a Rede Natura 2000 e dotar aos espazos protexidos das ferramentas de xestión que garantan a súa conservación. No caso das Fragas do Eume, a Xunta segue a demorar (e van xa 25 anos) a aprobación do PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión) do Parque Natural, “perpetuando a situación cada vez máis crítica dun espazo que eléctricas e pasteiras consideran pouco menos que a súa finca particular”.

Comparte esta noticia