Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA esixe retirar a Lei de Administración Ambiental Simplificada por “baleirar” as garantías de protección e participación

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presentou as súas observacións ao Anteproxecto de Lei de Administración Ambiental Simplificada, un texto que, segundo denuncia, supón un cambio de paradigma ao “substituír a protección ambiental pola súa administración” e avanzar na simplificación de controis e permisos.

A organización ecoloxista critica que a norma nace para unificar trámites ambientais (AAI, AAE, AIA e Informe de Incidencia Ambiental), pero faino reducindo garantías e recuperando elementos de leis previas “devaluadoras”, como a Lei de Competitividade (9/2013), a Lei de Depredación (5/2017) ou a Lei de Simplificación Administrativa (9/2021). Ademais, advirte de que o anteproxecto modifica a Lei de Patrimonio Natural (5/2019) e o Plan Director da Rede Natura 2000 (Decreto 37/2014).

Entre as novidades, a Xunta creará a Autorización Ambiental Integrada Simplificada para industrias consideradas “de menor impacto”. Aplicarase a proxectos que, sen requiriren AAI ordinaria, precisen dous ou máis permisos sectoriais (emisións á atmosfera, GEI, residuos, verteduras ao dominio público hidráulico ou ao mar) ou un deles xunto cunha Avaliación de Impacto Ambiental.

ADEGA alerta de que esta vía “simplificada” reduce a exposición pública: os proxectos só sairán a información pública durante 20 días se implican verteduras ou AIA, e ademais non se publicarán nas sedes electrónicas dos concellos. Para o resto de autorizacións (PIE, AAI ordinaria, AAE, AIA e autorización substantiva), a información pública será única e simultánea ao resto de consultas e solicitudes.

O texto tamén endurece o proceso para ser considerado “persoa interesada”, que deberá xustificarse documentalmente desde o trámite de alegacións. A Xunta disporá de tres meses para resolver os procedementos (45 días no caso dos Proxectos Industriais Estratéxicos), e estes prazos reduciranse un mes se interveñen entidades de colaboración ambiental. ADEGA considera que isto “xibariza a participación pública” e promove unha “privatización mal encoberta” das tramitacións.

A asociación sinala que os concellos tamén resultan prexudicados: a Xunta les retira competencias urbanísticas ao eliminar o seu informe sobre a compatibilidade dos PIE co PXOM, pero ao mesmo tempo delega neles o seguimento de todas as actividades sometidas a AAI que vertan á rede municipal, mesmo cando non sexan da súa competencia directa.

Entre os puntos máis críticos, ADEGA destaca que a disposición adicional 2ª adopta a exención de avaliación ambiental para proxectos de enerxías renovábeis (eólicos, hidroeléctricos, eléctricos, depósitos subterráneos de gases ou químicos e modificacións de proxectos xa autorizados), tal como recolle a Directiva UE 2018/2001. Isto permitiría, afirma a organización, esquivar as directivas europeas de Avaliación Ambiental (2011/92/UE) e Hábitats (92/43/CEE), sempre que a Xunta aprobe previamente un plan de zonas de aceleración renovábel sometido a AAE.

Outro punto crítico é a disposición final 3ª, que modifica o Plan Director da Rede Natura 2000 para levantar a exclusión que impedía a construción de liñas de evacuación eléctrica vinculadas a proxectos eólicos, hidroeléctricos ou fotovoltaicos dentro de espazos protexidos.

Por todo isto, ADEGA enmarca a lei nunha “vaga desreguladora e extractivista preconizada polo trumpismo” e advirte de que consolida un “baleirado de contido” da normativa de protección ambiental en Galicia. Por estes motivos, a asociación solicita a retirada íntegra do anteproxecto e reclama recuperar as garantías ambientais e de participación pública “devaluadas” polas últimas reformas en nome da simplificación administrativa.

Comparte esta noticia