ADEGA esixe ao Ministerio deixar de admitir a trámite parques eólicos mariños
Malia a aprobación por parte do Estado dunha moratoria para a admisión a trámite de novos parques eólicos mariños, ven de comezar a tramitación do parque eólico “Galwind” (1000 MW). A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) indica que, ante unha “avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvemento racional do sector eólico no mar”, diversas organizacións participantes na Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España “solicitamos ao Ministerio unha moratoria mentres non se aprobe o POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) así como un regulamento propio para a produción de electricidade no mar”.
ADEGA lembra que o Estado accedeu no verán de 2021 a introducir o "Real Decreto-ley 12/2021, de 24 de junio, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito de la fiscalidad energética y en materia de generación de energía, y sobre gestión del canon de regulación y de la tarifa de utilización del agua", unha disposición adicional terceira con este texto:
Disposición adicional terceira. Solicitudes de autorización administrativa de instalacións presentadas ao abeiro do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño, polo que se establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial.
- Dende a entrada en vigor deste real decreto lei, e até a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo das instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, non se admitirán novas solicitudes de superficie de reserva de instalacións de xeración eólica mariña no marco do procedemento establecido no título II do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.
- Tampouco se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa de instalacións de xeración eólica mariña ao abeiro do disposto no artigo 32 do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.
Porén, dende ese momento iniciaron a tramitación administrativa dous parques eólicos mariños: o "Nordés", de 1200 MW; e agora o "Galwind", de 1000 MW. A asociación ecoloxista indica que “malia a que a solicitude de elaboración do documento de alcance é potestativa para as promotoras, na Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental (arts. 33 e 34) considérase que este documento é parte dos trámites da avaliación de impacto ambiental ordinaria e precisa da emisión dun ditame administrativo. E o trámite ambiental ao que da inicio o documento de alcance é unha parte imprescindíbel da solicitude de autorización administrativa destas instalacións, afectada pola moratoria”.
Porén, as promotoras seguen a enviar á administración os seus proxectos para ir "adiantando trámites" en contra desta moratoria decretada en xuño de 2021, “nun exercicio de filibusterismo eólico que conta coa comenencia administrativa”. Para ADEGA, o verdadeiramente grave é que “o Estado, contravindo a súa propia norma, está a comprometer tempo e recursos públicos en tramitar os documentos de alcance destes proxectos, en troques de presentar xa unha planificación e aprobar as normas precisas para o desenvolvemento sustentábel do sector”. Por todos estes motivos, ADEGA esixe á administración do Estado que desbote tramitar o proxecto "Galwind" (e calquera outra instalación eólica no mar de Galicia), mentres non aprobe o POEM e un marco normativo específico para o sector.