Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA denuncia a “mínima” restauración tras a vaga de lumes de 2025 e alerta da perda masiva de solo en Galicia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denuncia “mínima” resposta da Xunta de Galicia tras a vaga de lumes de 2025, unha das máis intensas da historia recente de Galicia. Segundo os datos oficiais da Xunta de Galicia, arderon 118.966 hectáreas, unha cifra que o programa europeo Copernicus eleva a 209.281 hectáreas, detectadas polos satélites Sentinel. A discrepancia entre ambas as cifras evidencia xa o gran alcance dos incendios e a dificultade de cuantificar con precisión os danos reais.

Sobre esa superficie afectada, a propia Xunta informou que tiña previsto actuar con labores de amortecemento de impactos e restauración hidrolóxico-forestal en apenas unhas 200 hectáreas. ADEGA sinala que isto representa apenas o 0,16% da superficie “oficialmente” queimada ou o 0,09% da superficie detectada polos satélites Copernicus, unha proporción que a organización cualifica como “unha pinga nun océano de erosión”.


Erosión acelerada e perda de solo

A entidade ecoloxista lembra que, despois dun incendio forestal, os montes queimados quedan desprovistos de cobertura vexetal, o que provoca que o solo perda a súa estrutura e cohesión. Este fenómeno, sumado a choivas intensas e ventos fortes durante temporais, desencadea un proceso de escorrentía superficial que arrastra o substrato fértil e rico en nutrientes, provocando a desaparición progresiva do solo.

Desde finais de 2025, as continuas borrascas agravaron este proceso, ao incidir sobre territorios nos que apenas se realizaron intervencións de restauración. ADEGA advirte que millóns de toneladas dun recurso natural non renovable e esencial para a fertilidade do territorio e a produción agrícola están a perderse de forma acelerada.

Para cuantificar estas perdas, a investigación científica utiliza métodos que combinan factores como cobertura vexetal, topografía, meteoroloxía e recorrencia. Díaz-Fierros et al., xa nos anos 80, estimaron que as perdas de solo nun terreo queimado oscilan entre 15 e 170 toneladas por hectárea e ano. Tomando unha cifra conservadora de 24 t/ha e ano, ADEGA calcula que nas 118.966 hectáreas “oficialmente” queimadas poden perderse 2,85 millóns de toneladas de solo nun ano. Se se consideran os datos de Copernicus, a cifra ascendería a 5,02 millóns de toneladas.


Consecuencias sobre a auga e a saúde pública

ADEGA alerta tamén das consecuencias ambientais e para a saúde pública provocadas polos arrastres de cinzas e sedimentos. Numerosos puntos, especialmente na provincia de Ourense, están a sufrir escorrentías que afectan a mananciais, regos e ríos. Estes materiais alteran a turbidez e a composición química da auga, poñendo en risco o abastecemento tanto humano como gandeiro.

A organización subliña que a insuficiente actuación das administracións contribúe a agravar a situación, a pesar de que é responsabilidade da Xunta e da Confederación Hidrográfica adoptar medidas tanto de mitigación inmediata (para frear os arrastres e garantir a calidade da auga) como estruturais, destinadas a restaurar a funcionalidade ambiental dos montes queimados.


Chamamento á cidadanía e medidas de voluntariado

ADEGA recorda que, tras a vaga de lumes, puxo en marcha iniciativas de voluntariado para a recuperación dos montes, e agora pon á disposición da cidadanía un modelo de denuncia. Este instrumento permite localizar puntos concretos nos que a falta de medidas de protección e restauración está a provocar arrastres que poidan comprometer a calidade das traídas de auga e a funcionalidade dos servizos básicos.

O obxectivo desta iniciativa é lembrar ás administracións as súas obrigas legais e esixir a adopción de medidas urxentes para reverter os efectos da erosión e dos arrastres. ADEGA recalca que a xestión dos montes queimados non pode limitarse a declaralos “oficialmente queimados” senón que require acción efectiva e baseada en criterios científicos. Só así será posible preservar o solo, garantir a calidade da auga e recuperar a funcionalidade ambiental dun territorio afectado por unha das vagas de lumes máis devastadoras da historia de Galicia.

Comparte esta noticia