Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA critica a resposta da Xunta á contaminación por nitratos

A Xunta de Galicia volveu sacar a consulta pública o proxecto de decreto para previr a contaminación por nitratos, un texto que leva tres versións desde 2025 sen chegar a aprobarse. Segundo denuncia ADEGA, o último borrador é practicamente idéntico aos anteriores: xustifica a non designación de zonas vulnerables (ZZVV) e responsabiliza o Estado de non ter completado a información sobre a orixe dos nitratos nas augas.

A novidade desta vez son unhas disposicións adicionais que inclúen unha moratoria para novas granxas e ampliacións, con excepcións, na comarca da Limia. A Xunta considera demostrado que nesa bacía a contaminación é fundamentalmente agrogandeira. Con esta medida, o goberno galego pretende tamén dar resposta á sentenza xudicial que fixa as súas responsabilidades e as da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na contaminación do encoro das Cunchas.

Unha lectura “incompleta” da xustiza europea

No preámbulo, o Executivo galego sostén que non pode designar ZZVV mentres o Estado non peche o estudo de presións e impactos, e que non existe un informe definitivo que acredite a orixe agraria da contaminación. Para o argumentar, apóiase na sentenza do Tribunal de Xustiza da UE do 14 de marzo de 2024 (C-576/22).

ADEGA sinala que esa lectura é parcial e leva a unha conclusión que o propio tribunal non sostén. Segundo a organización, a sentenza non avala que en Galicia non caiba declarar zonas vulnerables por falta de acreditación da orixe agraria. Recorda que unha “contribución significativa” de nitratos agrarios non require que esa orixe sexa exclusiva, e que o propio tribunal xa considerou significativa unha achega do 17 %. Por iso, esixe á Xunta que deixe de xustificar a súa inacción cunha cita “selectiva e nesgada” da xurisprudencia europea.

A sentenza do TSXG, a medias

O decreto cita tamén a Sentenza 313/2025 da Sección 2.ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condena as administracións pola contaminación do encoro das Cunchas. Con todo, só o fai para afirmar que a moratoria “contribúe a executar” o fallo. Para ADEGA iso non abonda, porque a Xunta segue sen recoñecer que a resolución firme declarou probada a orixe agraria da contaminación nunha das bacías galegas con maior presión gandeira, e a condenou pola súa inactividade.

A organización ve unha contradición no texto: por unha banda afirma que os datos da Limia son “suficientemente consistentes” para adoptar medidas, e por outra defende que non cabe designar ZZVV por falta de acreditación da orixe agraria. “Se os datos chegan para prohibir novas explotacións e ampliacións, chegan tamén para iniciar sen demora o procedemento de designación”, argumenta. Por iso reclama que o decreto incorpore expresamente as conclusións probatorias da sentenza e fixe un prazo concreto para iniciar e rematar a designación de ZZVV.

“Unha casca baleira”

ADEGA cualifica o decreto de “casca baleira” con medidas “pouco menos que cosméticas”. Considera que a prohibición de novas granxas e ampliacións, ademais de parcial e provisional, non frea o aumento da contaminación. Critica ademais que afecte unicamente á Limia e que non inclúa medidas para reverter ou reducir o problema nesa bacía.

A asociación propón avaliar a superficie agraria que necesita cada explotación para xestionar adecuadamente os seus xurros (a capacidade de carga) e asegurar a dispoñibilidade de terra, por exemplo recuperando terras abandonadas para uso agrario, onde o Banco de Terras podería ser unha ferramenta útil. Cando non se poida garantir terra suficiente para unha xestión sustentable dos xurros, defende que “só cabe reducir a carga gandeira”.

Segundo ADEGA, a Xunta renunciou hai tempo a cumprir as súas obrigas legais e antepón intereses sectoriais á saúde do ambiente e da cidadanía, ao tempo que pretende “burlar as resolucións xudiciais co negacionismo por bandeira”.

Comparte esta noticia