Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA advirte sobre os impactos negativos da central reversible “Xistral”

A Serra do Xistral alberga 29 parques eólicos e concentra o 55% da potencia instalada na Rede Natura 2000. Son declaracións da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que indica que agora “pretenden construír unha central de bombeo en caverna de case 1GW. Somos carne de canón para as eléctricas”! A asociación ecoloxista indica que o proxecto de central reversible “Xistral” suporía a construción de dous lagos artificiais, ducias de quilómetros de tubaxes, pistas el liñas de alta tensión… Un verdadeiro polígono industrial “limpo” nunha área de excepcional valor patrimonial e ambiental.

 

ADEGA chama a atención sobre os incumprimentos deste proxecto coa normativa do Ministerio e as recomendacións da Comisión Europea respecto dos proxectos de “transición enerxética”. O promotor menciona na súa documentación o PNIEC “Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030” para xustificar o seu proxecto como contribución para acadar os obxectivos de redución de emisións e penetración das enerxías renovables. Porén, o PNIEC lembra que os bombeos hidráulicos deben cumprir o disposto no plano hidrolóxico e en todo caso situarse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos. Isto é debido a que son proxectos con impactos moi importantes como modificacións morfolóxicas de canles e ribeiras, así como perda da biodiversidade.

 

Ademais, a Comusión Europea ven de indicar que a avaliación do impacto ambiental negativo de cada medida deberá levarse a cabo fronte a un escenario de “ausencia de intervención”, tendo en conta o efecto medioambiental da medida en termos absolutos. ADEGA indica que este novo enfoque consiste en considerar o impacto ambiental da medida, xa que este non debe avaliarse en comparación co impacto doutra actividade existente ou prevista que a medida poida estar subsituíndo. No caso desta central de bombeo, a asociación revela que o impacto das obras deería avaliarse “fronte a un escenario no que o patrimonio natural afectado permanecera no seu estado natural, sen considerar un posible uso alternativo diferente, como por exemplo a evitación de emisións a atmosfera como pretende a empresa”.

 

As obras da proxectada central hidroeléctrica reversible “Xistral” atinxen a dous espazos da Rede Natura 2000 galega: As ZEC “Serra do Xistral” (ES1120015) e ZEC “Río Ouro” (ES1120013). As obras afectan tamén a un territorio incluído na proposta de ampliación da RN 2000 que comezou a tramitar a Xunta no ano 2011, concretamente ao alongamento da ZEC Serra do Xistral. Esta área de ampliación pretendía aumentar a representatividade de determinados hábitats, principalmente turbeiras e matogueiras húmidas identificados como insuficientemente representados pola Comisión Europea nas Decisións 2004/813/CE e 2006/613/CE). O incumprimento reiterado por parte das Administracións autonómica e estatal dos requerimentos da Comisión Europea deu lugar ao expediente PILOT nº EU 4995/13/ENVI, e á carta de emprazamento de 2015 na que lle comunicaba ao Estado a apertura dun procedemento formal de infracción (2015/2003).

 

O proxecto afecta tamén á Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, desenvolvéndose nunha pequena parte da “zona núcleo” e maioritariamente dentro na “zona de transición” e da “zona tampón”. ADEGA lembra que polo que atinxe ás afeccións á Reserva da Biosfera na “zona tampón”, só serían compatibles os usos tradicionais do solo e o turismo ambiental. Na zona de transición, o obxectivo é promocionar actividades compatibles co desenvolvemento sustentable e favorecer ás poblacións locais xunto coa conservación e revalorización da natureza e da biodiversidade. “Ningún deste obxectivos fixados para as diversas zonas dunha Reserva da Biosfera son compatibles coas obras proxectadas”. Así, ADEGA reclama ao Ministerio que se comunique ao promotor a desestimación do proxecto e pide á Xunta que amplíe con urxencia a superficie da Rede Natura 2000 en Galicia “para evitar estes despropósitos”.

Comparte esta noticia