Acción de Galicia Ambiental e o Concello de Ribadeo para frear a expansión da herba da Pampa
O Concello de Ribadeo e a Asociación Galicia Ambiental convocan unha actividade para sensibilizar e loitar contra a problemática das especies invasoras, a acción ten como principal obxectivo actuar sobre exemplares illados de herba da Pampa (Cortaderia selloana) antes de que se multipliquen os focos de expansión, implicando directamente á cidadanía nos traballos de prevención e control desta especie invasora. “Ribadeo sen plumeiros” vense de convocar para o próximo 18 de outubro, unha xornada de voluntariado nas rúas e na zona industrial de Ribadeo para retirar plumeiros de herba da Pampa, dentro das actuacións desenvoltas polas asociación no marco do proxecto europeo LIFE Coop Cortaderia 2024-2028. O punto de encontro será a gasolineira do polígono industrial de Ribadeo ás 09:00 horas.
A elección de Ribadeo non é casual. A Mariña lucense constitúe actualmente unha zona de risco de expansión pola provincia de Lugo pola súa proximidade ás importantes poboacións de Cortaderia existentes no occidente asturiano e pola capacidade de dispersión das sementes a través das vías de comunicación, principalmente a A-8, a nacional N-634 e a vía férrea de FEVE.
Unha chamada á participación cidadá
A xornada do 18 de outubro en Ribadeo permitirá aos voluntarios a colaborar directamente na retirada de plumeiro, evitando que milleiros de sementes poidan dar lugar a novas plantas no concello e contribuíndo tamén a mellorar o coñecemento sobre a distribución da especie de cara a accións de extracción da planta a partires de xaneiro de 2027. O voluntariado forma parte das medidas de sensibilización e participación cidadá desenvoltas por Galicia Ambiental dentro do LIFE Coop Cortaderia. O proxecto contempla a colaboración con concellos, colectivos locais e centros educativos, así como actuacións directas de eliminación da planta.
A asociación aposta por actuar seguindo o principio de “ir de menos a máis”: eliminar as plantas nas zonas de nova implantación antes de que a súa expansión obrigue a afrontar actuacións moito máis complexas.
A ría de Ribadeo, unha fronteira natural
Neste contexto, Galicia Ambiental destaca un certo “efecto fronteira” da Ría de Ribadeo, que reduce o número de sementes que poderían chegar desde Asturias á costa lucense. A situación no lado asturiano evidencia a importancia desta barreira natural. Ao longo da A-8 entre Ribadeo e Villalba detectáronse case medio centenar de plantas que se sitúan principalmente nos noiros e na medianeira, para cuxa retirada é necesaria a colaboración de organismos públicos de estradas, a través dos servizos de mantemento da A-8, mentres, a asociación vai eliminar aquelas que están fóra dese ámbito. Debido á contaminación das marxes da autopista por herba da Pampa, a especie comeza a estar presente tamén en zonas de pradeira do interior da franxa costeira do occidente asturiano, xerando importantes reservorios de sementes nas proximidades da costa.
Aínda estase a tempo de evitar unha expansión na franxa costeira entre Ribadeo e Viveiro, pese a que xa se localizan plantas en varias zonas dos municipios que atravesa a estrada costeira que une. A proximidade dos focos asturianos e a presenza de exemplares illados no territorio lucense fan necesario actuar antes de que a especie consiga consolidarse, de xeito especial no Polígono Industrial onde prenderon ducias de plantas en cada parcela, polo que se volve urxente eliminar antes de converterse nun foco de dispersión case irrecuperable.
Polo momento, a Mariña ten marxe para poñer freo a unha expansión que necesitará ademais da cooperación dos centros de mantemento da A-8 na comarca, para erradicar as plantas que xa están presentes nesta autoestrada procedentes do outro lado do Eo, xa que neste tipo de rías a asociación non pode actuar directamente, por razóns de seguridade, pero hai que actuar canto antes.
Galicia Ambiental propón unha actuación integral en toda A Mariña
Para Galicia Ambiental, a actuación en Ribadeo debe formar parte dunha resposta máis ampla. A asociación propón unha actuación integral nos municipios de toda A Mariña lucense, que permita localizar, controlar e eliminar os exemplares existentes e facer un seguimento das zonas máis expostas á chegada de sementes. O obxectivo é evitar que o que hoxe son plantas illadas acabe converténdose nun problema de grandes dimensións, como xa sucede nas Rías Baixas, no Golfo Ártabro ou en boa parte da costa asturiana.
A situación actual ofrece unha oportunidade para actuar de maneira preventiva. Galicia Ambiental considera que é necesario aproveitar este momento para implicar os concellos e a cidadanía e evitar que A Mariña siga o mesmo proceso de expansión que xa se produciu noutras zonas do Arco Atlántico. A xornada de voluntariado do 18 de outubro en Ribadeo será, neste sentido, unha nova acción para avanzar nesa prevención e para implicar á sociedade local na protección do territorio fronte á expansión da herba da Pampa.