Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Xunta reparte axudas a 27 concellos para apoialos na mellora do patrimonio natural das seis reservas da biosfera de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede un total de 27 axudas a 27 concellos por un importe de case 600.000 euros para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural nas seis reservas da biosfera de Galicia. Trátase da terceira convocatoria que se realiza deste programa de incentivos. A conselleira, Ángeles Vázquez, explicou en Cambre, tras unha reunión con Óscar García Patiño (alcalde de Cambre) e José Antonio Santiso (alcalde de Abegondo e presidente da Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo): “Sen dúbida, espertou interese entre os concellos, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible”.

 

A conselleira destacou o traballo continuado que se fai dende a Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, xa que “pon en valor Galicia, pon en valor o noso territorio e pon en valor a sostibilidade. Iso fíxonos recapacitar no momento en que, por parte da dirección e da presidencia desta reserva, nos formularon que tiña que haber axudas específicas por parte da Xunta de Galicia aos concellos, e así o vimos facendo durante tres anos”. Vázquez tamén deixou clara a intención de seguir traballando para poñer en valor, conservar e preservar o eido medioambiental, o eido cultural e as empresas, que son as que lle outorgan valor ao territorio. Tamén citou á cidadania, que desenvolve a súa actividade na comunidade galega.

 

Así, 27 administracións locais contan co apoio do Goberno galego para a restauración de ecosistemas naturais ou eliminación de especies exóticas en seis reservas galegas: Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Xurés-Gerês; Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Unha séptima pode ser a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, que “previsiblemente obterá a declaración definitiva a finais deste verán”.

 

Vázquez lembrou que Cambre, un dos concellos beneficiados polas axudas, é tamén un dos 17 que conforman a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas, un espazo natural que abarca máis de 115.000 hectáreas e a primeira de España en canto ao número de habitantes. Ademais, indicou que este concello, que obtivo unha subvención de case 20.000 euros para un proxecto de conservación da fauna e flora, non foi o único municipio desta reserva en acceder a estas axudas. Hai outros catro que tamén resultaron beneficiarios dunha subvención: Miño, para a mellora das condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas na senda do río Xarío; Coirós, para a mellora da ruta Ríos dos dous nomes; Paderne, para a creación e mellora dunha senda peonil; e Curtis, para unha campaña de concienciación e boas practicas ambientais. Así, nas Mariñas Coruñesas levaranse a cabo cinco proxectos que suman un orzamento de case 100.000 euros.

 

A conselleira destacou que os resultados desta convocatoria “incremente os logros xa obtidos nas dúas anteriores (2019 e 2020), grazas ás cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros”. Ademais, engadiu que “estamos a falar, nos tres anos que levamos con este programa, de algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos”. Por outra banda, lembrou que os concellos integrados nunha reserva da biosfera tamén poderá beneficiarse da partida de 6,4 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación. Así, Galicia é a terceira comunidade que máis fondos obterá, grazas ao labor de intermediación da Xunta, que fixo unha petición de incluír nese reparto á futura Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.

 

Por último, Ángeles Vázquez recordou que a Xunta, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), está a conmemorar este ano o 50 aniversario da creación do programa MaB (Man and the Biosphere), posto en marcha pola Unesco en 1971 co fin de harmonizar a relación entre as persoas e o medio ambiente.

Comparte esta noticia