A Xunta recoñece o labor dos centros de recuperación de fauna en Galicia
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ven de recoñecer “o importante labor que levan a cabo os 4 centros de recuperación de fauna (CRF) da Comunidade, que levan atendidos máis de 4.000 animais no que vai de ano”. Durante unha visita ao centro situado no Rodicio (Maceda), a conselleira incidiu no “papel fundamental que teñen estas instalacións no coidado e recuperación dos exemplares de fauna silvestre autóctona que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural por causas como traumatismos, enfermidades, intoxicación, astenia ou caída dos niños, entre outras”.
A maiores, estes centros tamén intentan a reintegración destes animais ao seu hábitat; ou na súa inserción en programas de conservación ou de educación ambiental. “Ademais de ser o lugar onde os animais reciben a atención veterinaria que precisan, tamén é o espazo no que tratan de recuperar a capacidade de vivir na natureza coas garantías necesarias para alimentarse, reproducirse e evitar aos predadores”, destacou a conselleira. Por outra banda, é importante destacar que os centros de Oleiros (A Coruña), O Veral (Lugo), O Rodicio (Maceda) e Carballedo (Cerdedo-Cotobade) contan cun orzamento anual duns 500.000 euros.
Centro de recuperación de fauna do Rodicio
Aparte da tarefa de recuperación de fauna silvestre, este CRF tamén actúa como centro de información meteorolóxica e colabora con outras consellerías en estudos sobre o terreo de cultivos. Por outra banda, leva a cabo un programa de educación ambiental para os centros escolares que o soliciten para concienciar da importancia de conservar a biodiversidade. Ademais, ofrece a posibilidade de realizar prácticas en colaboración con centros e universidades para alumnado de ciclos forestais, grados universitarios de bioloxía e ciencias ambientais, entre outros.