Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Xunta pide voluntarios para actuar en espazos protexidos afectados polos incendios de 2025

A Xunta de Galicia vén de crear o Programa de Voluntariado nos concellos con territorio dentro dos espazos protexidos de Galicia, unha iniciativa que nace co propósito de implicar á cidadanía na recuperación ambiental das zonas máis afectadas polos incendios forestais rexistrados durante o verán de 2025. Os lumes, que causaron graves danos en áreas de alto valor ecolóxico da provincia de Ourense, deixaron amplas superficies queimadas e unha fonda preocupación social sobre o futuro destes ecosistemas. Coa posta en marcha deste programa, búscase contribuír á rexeneración dos montes, reducir o risco de erosión e favorecer a recuperación da fauna autóctona.

O proxecto, impulsado de maneira conxunta pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ten como obxectivo mobilizar persoas voluntarias para colaborar en tarefas de recuperación ambiental nos concellos máis danados polos lumes. Entre as actuacións previstas inclúense técnicas como o mulching (que consiste en cubrir o solo con materiais naturais, como palla de cereais, para evitar a erosión) e o reparto manual de alimentos e auga para a fauna afectada.

Segundo o calendario publicado pola Xunta, as intervencións desenvolveranse ao longo do mes de outubro e comezos de novembro en 26 actuacións distribuídas por doce concellos ourensáns, todos eles con territorio dentro de espazos protexidos. En total ofertaranse 650 prazas de voluntariado.

Entre os municipios participantes figuran A Veiga, Baltar, Beade, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Larouco, Manzaneda, Oímbra, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso. Cada localidade acollerá varias quendas de traballo, habitualmente durante as fins de semana, con grupos de 25 persoas por quenda.

En algúns concellos como o de Cualedro e Vilamartín de Valdeorras están previstas catro actuacións consecutivas entre o 10 de outubro e o 2 de novembro, mentres que en Chandrexa de Queixa e Manzaneda haberá tres quendas. Outros, como Larouco, Baltar ou Vilariño de Conso, acollerán unha única intervención. O número de intervencións dependerá das necesidades de cada concello.

A Xunta cubrirá os gastos de aloxamento, manutención e seguro de accidentes e responsabilidade civil das persoas participantes, aínda que os desprazamentos ata o punto de encontro de cada quenda deberán ser asumidos por cada voluntario ou voluntaria. O horario de chegada ao punto de reunión está fixado antes das 20:00 horas do primeiro día da quenda correspondente.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles, e cada persoa poderá anotarse a unha acción por fin de semana. No caso de que o número de solicitudes supere o máximo permitido para cada zona, a selección farase por orde rigorosa de inscrición.

As persoas interesadas poden rexistrarse a través do formulario dispoñible na web oficial do Voluntariado Galego: https://voluntariadogalego.org...

Comparte esta noticia