A Xunta lanza unha ferramenta para potenciar o aforro e a eficiencia enerxética dos fogares
Data: 14/12/2022 Visto: 501 veces
A Xunta vén de presentar unha nova ferramenta que permitirá á cidadanía “calcular as axudas máis axeitadas para acadar un maior aforro e unha mellor eficiencia enerxética nas súas vivendas”, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Esta aplicación está dirixida a todas as persoas interesadas na rehabilitación enerxética de inmobles residenciais e ten como obxectivo principal “axudar á cidadanía a obter o máximo beneficio das axudas en materia de eficiencia enerxética”.
Esta nova ferramenta permitirá realizar unha simulación sobre un inmoble concreto xerando propostas de actuación para a mellora enerxética das vivendas, unha estimación de custos desas propostas e as axudas ás que se pode optar para executalas. Así, a conselleira asegurou que “a cidadanía poderá ter datos que faciliten a toma de decisións á hora de levar a cabo as actuacións máis eficientes ou máis axeitadas nas súas residencias”. O simulador xa está accesible de forma gratuíta a través da
páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e nos próximos días poderase descargar como aplicación en dispositivos móbiles.
A Consellería de Medio Ambiente indica que “o procedemento é moi sinxelo xa que se trata de ir cubrindo sucesivas preguntas de xeito moi intuitivo. O inmoble sobre o que se quere facer o cálculo poderase identificar introducindo o enderezo do mesmo ou a súa referencia catastral”. A maiores, a ferramenta contén “un directorio de empresas, profesionais, técnicos e axentes ou xestores de rehabilitación, que poden inscribirse voluntariamente a través dun formulario incluído na páxina web que transfire os datos á aplicación”.
Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego por “axudar a reducir os consumos dos fogares sen renunciar ao confort”. A conselleira lembrou que no ano 2022 convocáronse axudas por un importe de 52,4 millóns de euros e en 2023 darase continuidade a este compromiso cun orzamento previsto de 41,3 millóns de euros para os programas de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas e accesibilidade.