Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Xunta impulsa un novo plan de xestión de residuos industriais

A Xunta impulsará un novo plan de xestión de residuos industriais de Galicia co propósito de facilitar ao tecido empresarial da Comunidade a transición a un modelo de economía circular que contribúa a cumprir desde este sector coas esixencias que lle marcan as normativas (tanto comunitarias como estatais) en materia de prevención da xeración de residuos e da súa correcta xestión. O obxectivo principal é acadar a implementación nos fluxos industriais dun modelo sostible e que reduza as repercusións ambientais dos residuos asociados a este tipo de actividades. O acordo polo que se inicia a tramitación ambiental do documento recibiu luz verde por parte do Consello da Xunta, polo que a Consellería de Medio Ambiente “está xa en disposición de empezar a traballar co obxectivo de aprobalo en 2023”.

Segundo os cálculos da Xunta, o novo plan de residuos industriais mobilizará un investimento estimado de 115 millóns de euros que se destinarán a cumprir cos obxectivos fixados a nivel comunitario neste eido a través do paquete de medidas sobre economía circular aprobado a finais de 2015. Así, a necesidade dun novo marco de actuación co horizonte 2023-2030 xorde como resposta ante as novidades normativas e os cambios socioeconómicos, cun aumento considerable deste tipo de refugallos.

O novo documento está articulado ao redor de 17 programas, un para cada tipo de residuo. Ademais, enmárcase na loita contra o cambio climático, pois contribuirá a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) a través da diminución da produción de lixo de orixe industrial nun 15% ata o ano 2025 e do fomento do uso de materias primas recicladas e do consumo de productos feitos a partir delas. Tamén se apostará polo ecodeseño na fase de produción para afondar na economía circular.

O plan de xestión de residuos industriais de Galicia terá un carácter máis programático no que a Xunta “asumirá un papel de diagnose, para definir cal é a situación actual e, a partir de aí, realizar as actividades de control e seguimento necesarias para facilitar a consecución dos obxectivos marcados, fomentando a coordinación entre a Administración pública e o sector empresarial galego”. O documento sentará tamén as directrices estratéxicas a seguir en liña coas metas fixadas a nivel europeo, avanzando no desligamento do crecemento económico da xestión que se faga dos residuos e alongando o máximo posible a vida útil de todos os materiais co obxectivo fixado no residuo 0.

Preto de 600 millóns de euros de investimentos para a xestión dos residuos

A Xunta indica que “esta nova folla de ruta substituirá o anterior Priga 2016-2022, que nos seus 6 anos de vixencia e grazas a un investimento de preto de 50 millóns logrou avances importantes no que respecta á xeración e xestión dos residuos industriais en Galicia”. Así, a Xunta resalta que o 93% de todos os refugallos deste tipo xerados o ano pasado xa eran non perigosos, porcentaxe que foi en aumento na última década; e os avances na correcta xestión dos vehículos fóra de uso permitiu que en 2020 o 85% destes residuos se destinase á reutilización e reciclado. O novo plan tamén será acorde e coherente coa Estratexia galega de economía circular 2020-2030 e coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050.

Ademais, enmárcase na estratexia global do Goberno galego en materia de residuos, que persegue a implantación dun novo modelo máis sustentable. Así, a través das medidas que se desenvolverán no marco do Priga e do novo Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia —actualmente en tramitación tras o acordo do Consello da Xunta do pasado 22 de setembro— mobilizaranse case 600 millóns de euros de aquí ao ano 2030. Así mesmo, prevese que a aprobación de ambos plans de residuos teñan un impacto positivo sobre a economía galega.

Comparte esta noticia