A XUNTA FALA DE CENSOS DE LOBO PERO NON FAI PÚBLICO O ESTUDIO
Data: 21/12/2022 Visto: 562 veces
“Se o publicaran o 28 de Nadal (Santos Inocentes) tería máis credibilidade aínda que hoxe”, con sarcasmo e escepticismo se acolleu onte a “revelación” feita pola Consellería de Medio Ambiente sobre as poboacións de lobo en Galicia, que ademais se coñecen no peor momento da “guerra aberta” contra o goberno (e incluso as autoridades europeas) que respaldan a protección do lobo en Galicia, Asturias e demais territorios ao norte do Douro. Batalla que semellan perder os alineados cos argumentos escasamente respaldados por datos científicos da Xunta. Segundo reflectía hoxe a Consellería de Medio ambiente en nota de prensa: “a actualización do censo do lobo ibérico realizada pola Xunta entre 2021 e 2022 conclúe que existen en Galicia unhas 93 mandas reprodutoras, cifra similar ás 90 mandas estimadas no seguimento correspondente ao período 2013-2015 e que confirma a evolución positiva da especie na Comunidade”.
Sempre segundo o afirmado pola Xunta hoxe: “as estimas poboacionais que apuntan a un incremento do número de mandas reprodutoras —3 máis que no seguimento anterior— se obtiveron aplicando dúas metodoloxías distintas avaladas por publicacións científicas e que arroxaron conclusións moi similares”. Así mesmo e con relación á distribución territorial da especie, os traballos acometidos apuntan dende a Xunta: afirmarían que “o lobo ibérico ten unha presenza xeneralizada en Galicia, agás nas grandes cidades e no Baixo Miño, cunha área de reparto que ocuparía unha superficie de 26.098 quilómetros cadrados, o que supón o 91% do territorio galego”.
Coincidindo co “anuncio do informe” o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de axudas para compensar os danos ocasionados por estes animais silvestres en explotacións e no gando. Cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que este ano, Belén do Campo explicou que estas subvencións autonómicas permitirán cubrir os danos que se comuniquen a través do teléfono 012 no período comprendido entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de setembro de 2023. A comezos de xaneiro se publicará unha nova convocatoria da liña de axudas para a adopción de medidas de prevención fronte ao lobo. Neste caso, o orzamento previsto para 2023 ascende a 1,9 millóns de euros, hoxe tamén se publica no DOG unha nova orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros para 2023 co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas.
Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie silvestre entre o 11 de outubro deste ano e o 10 de outubro do que vén e, como principal novidade, a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que este ano.