A Xunta destina máis de 2,2 millóns de euros para o coidado de plantacións forestais
Data: 30/11/2022 Visto: 446 veces
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que se fixan as bases e a convocatoria para o vindeiro ano 2023 das
primas de mantemento das forestacións obxecto de axudas nos últimos anos. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, estas achegas están dotadas cun orzamento de
máis de 2,2 millóns de euros para o período 2023-2025, a razón de 750.000 euros para cada un dos tres anos cos que se prevé acadar unha superficie de actuación de
máis de 6.000 hectáreas. O prazo de presentación de solicitudes para acceder a estas primas será dun mes contado
a partir de hoxe, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.
Poden beneficiarse destas primas as persoas titulares de superficies forestais que fosen plantadas con subvencións xestionadas pola Xunta
antes do 31 de decembro de 2022 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos
anos 2018, 2019, 2020 e 2021. As primas teñen como finalidade “contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas”.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural pretende
conservar e mellorar a diversidade en áreas forestais, así como a
xestión forestal sustentable para a conservación activa de espazos forestais. As achegas supoñen tamén unha “aposta polas iniciativas e
programas de mitigación e adaptación ao cambio climático para o monte galego co obxectivo de incrementar a súa capacidade de fixación de carbono atmosférico (sumidoiro de carbono), de reducir a súa vulnerabilidade e capacidade de adaptación (resiliencia e resistencia) e de potenciar o emprego de produtos e subprodutos forestais como fontes de enerxía renovable e de produtos ecolóxicos”.
Cabe destacar que a orde alíñase con varios obxectivos recollidos na primeira revisión do
Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, como o da “contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes á conservación da biodiversidade e á multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, así como as medidas tendentes á mitigación e adaptación ao cambio climático e o desenvolvemento de enerxías renovables, entre outros”.