A Xunta declara a situación de seca prolongada no conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa
A Xunta decidiu declarar a situación de seca prolongada no conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa tras analizar a evolución dos últimos indicadores de seca e ante un escenario de redución sostida das precipitacións. Trátase dunha medida prevista no Plan especial de seca aprobado en 2022, que xa se aplicara na totalidade da conca en xullo daquel mesmo ano e que non implica por si mesma restricións. De feito, a efectos prácticos, as limitacións e as posibles medidas de aforro nos abastecementos municipais afectados seguirán dependendo da fase de escaseza na que se atope cada sistema (é dicir, prealerta ou alerta) e non da propia declaración de seca prolongada, concibida para constatar unha diminución sostida das precipitacións respecto aos niveis habituais.
A Oficina Técnica da Seca, celebrada hoxe e presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, xunto con outros cargos do organismo hidráulico e representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e das consellerías de Sanidade e do Medio Rural, acordou adoptar esta medida e estender así o escenario que xa se declarara a finais de setembro nos sistemas do Ulla-Tambre e da Costa Norte ao conxunto de Galicia-Costa.
Faino tras analizar tanto os datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza. Na reunión tamén se acordou manter a situación actual no que respecta á escaseza, coa única excepción do sistema do río Grande, en Camariñas, no que se desactiva a prealerta ante a boa evolución dos principais indicadores detectada durante as últimas semanas.
En total, 123 concellos están incluídos parcial ou completamente nas unidades afectadas pola escaseza conxuntural de auga: 32 en alerta ou con medidas equivalentes e outros 91 en prealerta. Neste último caso, porén, a incidencia na práctica é desigual, xa que nalgúns concellos só unha parte reducida do territorio pertence á unidade afectada e o sistema principal de abastecemento capta a auga noutra conca. No resto de Galicia-Costa mantense a normalidade por escaseza e, segundo os últimos datos de ocupación dispoñibles, os encoros de abastecemento sitúanse no 44,7 % da súa capacidade, 14 puntos menos que nestas mesmas datas de 2025.
Implicacións nos concellos afectados
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan especial de seca e supón intensificar as medidas para conservar os recursos existentes. Entre as actuacións que poden adoptarse, segundo as necesidades de cada sistema, figuran a limitación de usos non prioritarios, como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns, así como outras medidas de redución do consumo.
En concreto, os 32 concellos afectados son Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE do río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.
Pola súa banda, o escenario de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis dos ríos e encoros, así como das posibles incidencias. Ademais, prevense medidas de concienciación cidadá para fomentar un uso responsable da auga e recoméndase minimizar os gastos públicos non esenciais. Neste escenario, solicitóuselles aos concellos que comunicasen os seus datos diarios de caudais de consumo.
Os 91 concellos incluídos territorialmente nas UTE en prealerta e que non se contabilizaron xa nas zonas en alerta, para evitar duplicidades, son os seguintes:
- UTE río Tambre e ría de Muros: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.
- UTE río Mandeo e ría de Betanzos: Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz.
- UTE río Landro e río Oro: Alfoz de Castrodouro, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro.
- UTE Ferrol (río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira): Ares, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Moeche, Neda, San Sadurniño e As Somozas.
- UTE río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona: Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior e Vigo.
- UTE costa de Pontevedra: A Guarda e O Rosal.
- UTE río Umia e ría de Arousa marxe esquerda: A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, O Grove, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
- UTE río Mero, Arteixo e ría da Coruña: A Coruña e Cambre.