Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Xunta convoca axudas para actuacións de mellora das árbores e formacións senlleiras

A Xunta de Galicia ven de convocar dúas ordes de axudas por un importe total de 40.000 euros dirixidas “á conservación, protección, mellora e divulgación das 182 árbores e formacións incluídas actualmente no Catálogo galego de árbores senlleiras”. Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nunha visita ao pazo de Santa Cruz de Rivadulla, na que estivo acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o dono da propiedade. Do mesmo xeito que na convocatoria anterior, a Xunta publicou unha liña reservada para concellos ou agrupacións de entidades locais, dotada cun orzamento de 15.000 euros, e outra dirixida a persoas ou entidades sen personalidade xurídica, cunha partida de 25.000 euros. En ambos casos, os beneficiarios deben acreditar a súa condición de propietarios dalgún elemento que forme parte do catálogo.

Entre as actividades subvencionables figuran a realización de podas e actuacións de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; as accións de conservación e mellora do entorno; iniciativas de divulgación e sinalización; e a execución de estudos. As intervencións terán como data límite de execución o 30 de setembro de 2022 e non poderán iniciarse antes da publicación das ordes. Grazas a estas liñas de incentivos, a directora xeral explicou que os beneficiarios poderán recibir unha contía equivalente ao 100% do custo da actuación a executar nestes espazos, cun límite de 4.500 euros no caso de que a axuda sexa para intervir sobre unha árbore e de 8.000 euros se se trata dunha formación.

Catálogo galego de árbores senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un “rexistro público de carácter administrativo no que se inclúen todas aquelas árbores e formacións que en atención ás súas características excepcionais, merecen unha protección especial”. Trátase dunha ferramenta que está aberta e en constante actualización. Nela, poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións, ademais daquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

Dende a súa aporbación no ano 2007, foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares. Nestes momentos, o catálogo suma 182 elementos (144 árbores e 38 formacións) pertencentes a 79 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias: 54 en A Coruña (42 árbores e 12 formacións), 39 en Lugo (34 árbores e 6 formacións), 26 en Ourense (20 árbores e 6 formacións) e 62 en Pontevedra (48 árbores e 14 formacións).

Comparte esta noticia