A Xunta anuncia a creación en 2023 dun grupo especializado para a loita contra os grandes incendios
Data: 18/11/2022 Visto: 478 veces
O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de poñer de relevo a creación o próximo ano dun g
rupo especializado dentro do Servizo de prevención de incendios forestais para a loita contra os grandes lumes, cun orzamento de
1,5 millóns de euros. Así o destacou no Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes 2022, que se celebrou onte e hoxe no marco da I
Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), e ao que tamén asistiu o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
Na súa intervención, o conselleiro tamén salientou a posta en marcha dun
plan de recuperación integral de zonas afectadas por incendios forestais cun investimento global de 18 millóns de euros que, ademais, se abrirá á colaboración privada. Ademais, aludiu a outras partidas dos orzamentos do próximo ano como os case 20 millóns para melloras de infraestruturas do dispositivo antiincendios, os 10 millóns para o seu parque móbil ou os 700.000 euros para impulsar a súa formación.
Por outra banda, José González destacou que os grandes incendios rexistrados en Galicia no 2022 emitiron á atmosfera
2.376.000 toneladas de CO², cun custo estimado de 78 millóns de euros, un dato superior ás emisións anuais do conxunto da gandaría galega. Neste sentido, o titular de Medio Rural afondou na importancia de seguir implementando a Lei de recuperación da terra agraria e cumprindo os obxectivos do
Plan Forestal 2021-2040, así como de avanzar no convenio de protección das aldeas. Tamén aludiu á Lei de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en tramitación, que “consolidará as actuacións para facer o noso territorio máis resiliente fronte ao lume”.
Todas estas consideracións acompañaron o
balance sobre a campaña de incendios deste ano, que o conselleiro enmarcou nun “contexto climatolóxico sen precedentes sen esquecer a elevada taxa de intencionalidade que se segue a constatar nos focos rexistrados”. Sobre os lumes de xullo, apuntou que a simultaneidade dun elevado número de incendios, en diferentes partes do territorio galego e dunha virulencia e proporcións moi intensas foron antecedente de “auténticas situacións de emerxencia civil”.
Congreso Interlumes 2022
O congreso Interlumes 2022 (celebrado onte e hoxe), está a albergar no
recinto feiral de Silleda varias charlas e mesas redondas con diversas
autoridades e expertos en lumes forestais, tanto de Galicia como do resto de España e Portugal. A xornada de onte acolleu diversas charlas sobre asuntos como a loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa, a planificación territorial como reto para a prevención de grandes incendios forestais, a planificación preventiva dos incendios, os lumes forestais na xestión da paisaxe ou os proxectos Interreg VA 2014-2020 POCTEP. Pola tarde, celebrouse unha mesa redonda na que o tema central foi a
prevención, coa participación de representantes das administracións de Galicia, Portugal, Andalucía e Castela e León.
Hoxe, a xornada comeza con varias charlas sobre temas como a
loita contra os incendios forestais en Portugal, a participación social na xestión paisaxística para a prevención de incendios forestais, o programa nacional de preparación de expertos Grupo Fast, o proxecto Europeo H2020 FIRE-RES, as aplicacións informáticas de apoio en xestión de incendios forestais e a experiencia nos incendios forestais deste ano en Estremadura. A mañá remata cun
taller práctico impartido por Ferrán Dalmau sobre Sandbox de interfaz urbano-forestal con lume real. Finalmente, haberá pola tarde outra mesa redonda de
extinción con representantes dos servizos antiincendios de Galicia, Portugal e España, e a clausura do acto por parte do titular do Medio Rural.
O proxecto Interlumes
O I Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes enmárcase dentro das accións do
proxecto europeo Interlumes, que ten por obxectivo fundamental “reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal”. Para iso, melloraranse e reforzaranse os medios existentes de prevención e extinción; e avanzarase na definición dun
protocolo de actuación conxunta e xestión compartida. Medio Rural destaca que xa se deron algúns pasos neste sentido co sometemento a información pública o pasado 4 de novembro do proxecto de construción dunha base aérea no territorio fronteirizo de Verín e Chaves, que permita atender de forma máis eficiente os incendios forestais.
O proxecto Interlumes conta tamén con accións encamiñadas a
sensibilizar á poboación contra os riscos que provocan os incendios forestais. Por outra banda, avanzará na formación especializada dos axentes que interveñen das diferentes comunidades e países na extinción de incendios, con congresos como o celebrado na nosa comunidade.