A UNED e a Xunta impulsan un curso sobre a investigación na xestión dos parques naturais galegos
A UNED e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia reforzan a aposta pola ciencia aplicada á conservación coa posta en marcha dun novo curso centrado no papel da investigación como ferramenta clave na xestión dos parques naturais galegos. A iniciativa, integrada no programa de Extensión Universitaria da UNED Pontevedra, levará por título “A investigación como ferramenta de xestión: programas, prioridades e práctica científica nos parques naturais de Galicia” e desenvolverase en formato en liña entre o 24 de febreiro e o 17 de marzo de 2026.
O curso, cunha duración total de dez horas lectivas e en trámite para o recoñecemento de 0,5 créditos ECTS, estrutúrase en catro sesións semanais nas que se analizará como o coñecemento científico se incorpora á toma de decisións nos espazos naturais protexidos. A proposta diríxese a estudantes de ciencias naturais, profesionais do ámbito ambiental, persoal técnico da administración, guías e persoas interesadas na conservación da biodiversidade.
O programa parte da realidade de que os parques naturais galegos (seis parques naturais e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas) contan cun elevado valor ecolóxico e cunha complexa normativa de xestión baseada nos Plans Reitores de Uso e Xestión (PRUG). Estes instrumentos incorporan a investigación como un dos seus piares fundamentais, ao permitir avaliar impactos, facer seguimentos ambientais, deseñar estratexias de conservación e compatibilizar a protección cos usos tradicionais e sostibles do territorio.
Ao longo do curso, especialistas e investigadoras con experiencia directa nos parques naturais galegos presentarán diferentes liñas de traballo científico desenvolvidas nos últimos anos. Entre os contidos previstos inclúense inventarios de biodiversidade, como os estudos sobre odonatos no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés ou análises da macromicobiota noutros espazos protexidos; proxectos de restauración de hábitats e mellora da conectividade ecolóxica, como os realizados no Parque Natural do Invernadeiro; así como programas de seguimento de comunidades vexetais en contornas forestais e costeiras, incluídas as Fragas do Eume.
O curso tamén abordará investigacións desenvolvidas no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, con especial atención a proxectos europeos de conservación mariña, ao estudo dos bosques de kelp e á xestión de especies e ecosistemas sensibles á presión humana e ao cambio climático. Xunto a isto, analizaranse experiencias de cooperación transfronteiriza, como iniciativas ligadas á conservación de aves costeiras no marco de programas POCTEP.
A metodoloxía será íntegramente en liña, con sesións en directo a través de Microsoft Teams e posibilidade de acceso ás gravacións, o que facilita a participación desde distintos puntos do territorio. Para a obtención do certificado de aproveitamento será necesaria a asistencia a, polo menos, o 85 % das horas lectivas. O curso pretende contribuír á actualización de coñecementos, á profesionalización do sector ambiental e á difusión da investigación como ferramenta indispensable para garantir a conservación a longo prazo dos espazos naturais galegos.
Máis información na seguinte ligazón: https://extension.uned.es/acti...