Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Sogama dos xurros

A Xunta de Galicia ven de anunciar o apoio á creación dunha gran planta centralizada de transfromación de xurro e outros residuos gandeiros (e tamén residuos orgánicos urbanos) en biometano e fertilizantes orgánicos. Na empresa participarían Reganosa, Repsol e Naturgy; e a sociedade semipública Impulsa Galicia.

A Asociación Galicia Ambiental advirte que a Xunta exportou o fracasado modelo de reciclaxe de Sogama á auga, e agora vai facelo aos xurros. Ademais, para rizar o rizo, no canto de escoller un lugar céntrico, prefire pasear camións de xurros por media Galicia (como xa se fai cos residuos) camiño de Cerceda. Así, as emisións contaminantes de CO2 por transporte serán análogas ás da non xestión, pero enmascararán a falta de alternativas para a reciclaxe de orgánicos dos RSU e abre a porta á mestura con orgánicos industriais (lodos de depuradora de alta toxicidade). Iso si: garanten de novo o negocio ás empresas enerxéticas. Galicia Ambiental reclamou, do mesmo xeito que cos residuos, que as solucións pasen por miniplantas locais ou comunitarias, próximas aos lugares de produción (tanto para os xurros como para a xa obrigatoria compostaxe da fracción orgánica dos residuos municipais).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou deste novo proxecto que calificou como “de economía circular” na súa intervención do Pleno do Parlamento Galego, onde garantiu o apoio total da Xunta a esta planta que, segundo explicou, “contará cun investimento de 146 millóns de euros e creará 600 postos de traballo, entre directos e indirectos”. Ademais, prevese que poderá xerar cada ano máis de 300 GW hora de enerxía “limpa”. Porén, o sector gandeiro ven advertindo que, máis que un problema de xestión do xurro, o que hai é falta de base territorial para as explotacións gandeiras, de ordenacións de usos do solo e de concentración da actividade gandeira nunhas poucas comarcas.

Rueda pediu o respaldo dos grupos parlamentarios da oposición para que o Executivo de España lle ofreza apoio a este proxecto para que saia adiante. Así, o presidente da Xunta considerou imprescindible o apoio do Goberno central a través dos fondos europeos. Ademais, amosou a súa preocupación polos 24.600 millóns de euros que aínda se teñen que executar dos PERTE e que supoñen o 80% do total.

Detalles do proxecto

O proxecto consiste en despregar progresivamente polo territorio unha rede de plantas que valoricen os excedentes de xurros bovinos, porcinos e avícolas mesturados cunha cantidade menor de FORS (fracción orgánica de recollida separada) e RIO (residuos industriais orgánicos) do sector agroalimentario para a produción de enerxía renovable. Nunha primeira fase, as tres enexéticas (Reganosa, Repsol e Naturgy) planean a construción dunha primeira planta de dixestión anaerobia que produza gas renovable e cinco plantas de pretatamento asociadas para deshidratar o excedente de xurro bovino. Cun investimento duns 146 millóns de euros, nesta primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de xurros excedentes e produciríanse uns 300 GW por hora de biometano que se inxectarían á rede de gas natural.

Unha vez completada esta fase inicial, a intención dos promotores é ampliar o proxecto de economía circular no futuro a toda Galicia, implantando unha rede centralizada de tratamento dos excedentes de dexeccións gandeira. Ademais, os cálculos dos promotores determinan que se poderían valorizar arredor de 6 millóns de toneladas de residuos cada ano. Neste sentido, o proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central (Economía, Transición Ecolóxica, Agricultura e Industria) co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation.

Comparte esta noticia