A semana do medio ambiente empeza con anuncios de mobilización contra o modelo eólico
Arredor de 50 colectivos e plataformas ecoloxistas de toda Galicia apoian as mobilizacións para expresar publicamente a necesidade de que a sociedade participe no “debate eólico”, por iso ven de convocarse unha manifestación o día 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Esta gran marcha, que partirá da Alameda de Santiago de Compostela ás 12 do mediodía, discorrerá polas rúas da capital galega ata chegar á Praza do Obradoiro, lugar onde se lerá o manifesto “Eólica, así non” e se gardará un minuto de silencio por todos aqueles territorios afectados pola ocupación eólica. As entidades convocantes expuxeron, na rolda de prensa na que se presentou a iniciativa, que a manifestación terá como obxectivo reivindicar o rexeitamento ao modelo de desenvolvemento eólico que se está a dar na nosa comunidade. A convocatoria conta co apoio da organización ambientalista Galicia Ambiental.
Roi Cuba, presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), expresou na rolda de prensa a súa preocupación pola invasión eólica: “Queremos que se paralicen todos os proxectos eólicos que están en tramitación mentres non haxa unha avaliación correcta dos impactos que poden xerar”. Tamén explicou que, dende o posicionamento ecoloxista, “estamos a favor das renovables, pero temos que ter en conta todos eses impactos: non poden ser a costa da destrución do noso territorio, da nosa fauna, da nosa flora e da nosa xeo diversidade, que son recursos que non podemos recuperar”.
Segundo Jessica Rey, en representación da asociación Salvemos a comarca de Ordes e da Rede Galega por un Rural Vivo, a invasión eólica ten lugar porque a normativa o permite: “Temos unha normativa completamente obsoleta que pon en risco as nosas vidas, a nosa seguridade, a nosa economía e o noso benestar”. Alertou que a invasión eólica será un “motor de despoboamento” que rematará co rural galego. Así, fixo un chamamento á sociedade para que asista á manifestación e así pedir unha transción enerxética xusta, con máis participación social, transparencia, autoconsumo e sostibilidade.
En palabras de Manuel da Cal, coordinador xeral da Federación Rural Galega, o territorio no que se asentan ou se queren asentar todos estes macroproxectos eólicos é fundamentalmente rural, que “ven sendo agredido dende hai moitos anos”. Deste xeito, citou exemplos como a usurpación dos montes veciñais na época do franquismo, a plantación masiva de coníferas por parte do antigo Instituto de Conservación da Natureza (ICONA), o asolagamento de diversos vales e o intento de invasión masiva de celulosas a mediados dos anos 70. Recalcou que, na actualidade, existe un intento moi claro de “baleirar o rural”, mais están xurdindo plataformas veciñais para oporse a esta invasión.
Santiago Llecha, en representación da Rede do Patrimonio do Monte Pindo, expresou que dentro das áreas perimetrais dos parques eólicos que se solicitaron ou están en tramitación “hai un abondoso patrimonio que permanece oculto e invisibilizado, mal estudado e peor divulgado”. Ademais, advertiu que no momento no que a Xunta de Galicia estableceu as áreas nas que se podían solicitar a implantación dos parques eólicos “deberíase ter activado un protocolo de seguridade para revisar as catalogacións feitas, as súas ubicacións e ampliar as catalogacións alí onde estas fosen deficitarias”. Concluíu resaltando que, nas áreas perimetrais dos parques eólicos que se queren construír, está a nosa historia: “Se non conseguimos unha moratoria eólica, unha boa parte da nosa historia desaparecerá sen que o goberno que a ten que protexer teña feito nada”.
Pola súa parte, Paulo Carril, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), comentou a necesidade de que o pobo galego debe ser quen decida sobre o aproveitamento dos nosos recursos, sobre o modelo económico social e industrial, capaz de procurar un equilibrio territorial e ambiental: “Precisamos unha verdadeira transición galega, ecolóxica, ordeada, xusta e ao servizo do país cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas”. Por último, Carril criticou a actuación das grandes empresas que aproveitan o negocio eólico para facer o seu “lavado verde” sen ter previamente reparado o dano ecolóxico contraído ao pobo galego.
Apoio da asociación Galicia Ambiental
A organización ambientalista “Asociación de profesionais Galicia Ambiental” apoia esta convocatoria porque entende que é necesario sensibilizar á opinión pública ante a falta de rigor técnico e científico, co que se están a desenvolver moitos proxectos eólicos en Galicia. Isto conduciríanos a unha “burbulla” económica, como a tecnolóxica ou a do ladrillo de fai uns anos, entre outras razóns porque a gran banca está a apoiar e financiar “temerariamente”, entre un 70 e un 80% do total dos investimentos necesarios, moitas iniciativas incluso en fase de proxecto. Acontece a pesares de que moitos deles non son viables ou non poderían saír adiante por razóns ambientais. Isto fai que o valor da “carteira eólica” sexa maioritariamente especulativa en moitas das empresas. A presión que deste xeito se está a exercer sobre os poderes públicos, para “abrir a man”, chega a ser insostible en casos como espazos protexidos ou cimas de alto valor nos montes de Lugo e Ourense, ou espazos de alto valor agro-gandeiro como a comarca de Deza. Só a aprobación dunha “moratoria eólica” en Galicia permitirá redefinir (por Estado e Xunta) o seu desenvolvemento sustentable: tanto dende un punto de vista ambiental como económico. Os Next Generation non poden ser unha escusa para aplicar unha “patente de corso” nas “concesións”, nin as potencialidades industriais (nomeadamente en empresas en crise ligadas ao sector metal e naval) poden ser unha xustificación para un crecemento descontrolado… o que tamén está a acontecer coa eólica mariña.
Galicia ten que apostar polas renovables, con apoio real tamen ao autoconsumo, pero non pode aceptar repetir coa eólica o grande erro da “liberalización do territorio” para a construción dos encoros, do pasado século, como modelo de produción nun marco nacional de demanda consumo… ou, como na actualidade, de compensación de emisións por peches noutros territorios.