Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A PAC premia aos grandes propietarios: o 10% deles leva máis do 60% das axudas en España

Unha pequena elite de grandes terratenentes e actores do agronegocio continúa acaparando a maior parte dos fondos da Política Agraria Común (PAC) en España e en boa parte da Unión Europea. Así o sinala un novo informe da Oficina Europea de Greenpeace, que volve poñer o foco nunha das críticas históricas ao principal instrumento de apoio ao campo europeo: a súa profunda desigualdade distributiva.

O informe, titulado “Quen leva os cartos da PAC?”, publícase nun contexto de crecente tensión social e política no sector agrario. Coincide, ademais, coas mobilizacións de agricultores e agricultoras que hoxe saíron ás rúas de Estrasburgo para esixir unha distribución máis xusta das subvencións comunitarias, ao tempo que as institucións europeas negocian o próximo Marco Financeiro Plurianual e o deseño da futura PAC.

Segundo Greenpeace, nos seis países analizados (España, República Checa, Dinamarca, Alemaña, Italia e Países Baixos) o patrón repítese con escasas variacións: o 10% dos maiores perceptores recibe, de media, preto de dous terzos do total das axudas, mentres que o 20% superior acapara arredor do 80% dos fondos. Nalgúns Estados membros, o 1% máis rico das persoas beneficiarias chega a concentrar até o 40% dos cartos procedentes de Bruxelas.


O caso español: concentración extrema das axudas

En España, os datos reflicten con especial claridade esta desigualdade estrutural. Do total dos fondos da PAC, o 1% das persoas beneficiarias recibe o 28% do diñeiro, o 10% concentra o 62% e o 20% alcanza o 79% do total. Na práctica, isto implica que unha minoría de empresas, grandes explotacións e perceptores con elevada capacidade económica queda cunha parte desproporcionadamente grande dunhas axudas financiadas con fondos públicos.

A situación é aínda máis acusada se se analizan os pagos directos, o principal instrumento da PAC para soster a renda agraria. Neste apartado, o 20% dos maiores beneficiarios percibe o 74% dos fondos en España. Esta concentración vai da man da estrutura da propiedade da terra: o 20% das fincas máis grandes controla o 75% da superficie agraria útil do país.

Para Helena Moreno, responsable da campaña de sistemas alimentarios sostibles en Greenpeace España, estes datos evidencian que a PAC “beneficia de maneira desproporcionada a terratenentes e grandes actores que, desde logo, non son agricultores nin agricultoras”, impulsando un modelo de agronegocio intensivo “en detrimento da natureza, do clima e das pequenas e medianas explotacións agrarias”.

Un modelo que expulsa as pequenas explotacións

A concentración de axudas e de terra non é un fenómeno illado, senón parte dunha tendencia máis ampla de industrialización do sector agrario europeo. Entre 2007 e 2021, preto do 36% das pequenas explotacións comerciais desapareceron en España, malia seguir representando máis do 60% do total das explotacións e constituír a base social do medio rural.

As pequenas producións, segundo subliña o informe, vense atrapadas nunha dinámica que as obriga a medrar para sobrevivir ou a pechar definitivamente. A falta de apoio suficiente, combinada co aumento dos custos, a presión dos mercados globais e o acceso desigual ás axudas públicas, acelera un proceso de concentración que deixa cada vez menos explotacións e de maior tamaño.

A escala europea, a PAC (que representa aproximadamente un terzo do orzamento total da UE) contribuíu nos últimos anos a este proceso. Dous millóns de pequenas explotacións comerciais, o 44% do total, medraron de forma significativa ou desapareceron, dando paso a unha paisaxe agraria dominada por “megaexplotacións” e estruturas empresariais altamente capitalizadas.

Críticas a unha PAC que “alimenta a desigualdade”

Desde Greenpeace, a lectura política é clara. Marco Contiero, director de política agraria de Greenpeace UE, sostén que “debido ás distorsións da PAC, as subvencións van parar aos ricos e non chega apoio suficiente a quen realmente o precisa: agricultores ao bordo da quebra, pequenas explotacións agroecolóxicas e quen quere facer a transición cara a prácticas máis sostibles”.

Contiero cuestiona o sentido social e económico dun sistema que, ao seu xuízo, “alimenta a desigualdade, destrúe a natureza e socava a viabilidade a longo prazo da propia produción alimentaria”. Neste marco, Greenpeace insiste en que a próxima PAC debe reformarse en profundidade para servir ao interese público e non á acumulación de rendas por parte de grandes propietarios de terra.

O debate orzamentario e as reformas en xogo

As denuncias chegan nun momento clave. Gobernos nacionais, Comisión Europea e Parlamento Europeo negocian o futuro orzamento comunitario, do que depende o deseño do sistema de axudas agrarias para os vindeiros anos. Nese contexto, Greenpeace reclama unha reorientación profunda da PAC.

Entre as súas principais propostas figura a eliminación progresiva dos pagos directos baseados en hectáreas, un dos mecanismos que, segundo a organización, favorece automaticamente a quen posúe máis terra. Tamén pide priorizar o apoio á renda das explotacións con maior valor ecolóxico e social, aplicar escalas decrecentes e establecer límites máximos ás subvencións que pode recibir unha soa persoa beneficiaria.

Ademais, a organización ecoloxista reclama que, antes de que remate o actual período de programación, cando menos o 50% do orzamento da PAC se destine á acción climática e ambiental, en liña cos obxectivos de mitigación do cambio climático, protección da biodiversidade e transición cara a sistemas alimentarios máis sostibles.

Estas recomendacións coinciden, en boa medida, coas conclusións do Diálogo Estratéxico sobre o Futuro da Agricultura, unha plataforma impulsada pola Comisión Europea que reuniu sindicatos agrarios, representantes do sector agroalimentario, organizacións da sociedade civil, comunidades rurais e persoal académico. Os seus traballos apuntan á necesidade de redefinir o modelo agrario europeo para facelo socialmente máis xusto, ambientalmente viable e economicamente resiliente.

Comparte esta noticia