Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A oposición veciñal en Xunqueira de Ambía medra fronte aos proxectos de plantas de biogás en solo rústico

A comarca da Limia volve situarse no epicentro do debate sobre o modelo enerxético e a xestión do territorio. Nos últimos meses, a posibilidade de construír varias plantas de biogás en diferentes puntos do municipio de Xunqueira de Ambía (nos montes de Valilongo, Os Balados, Liñón e Cardedo) provocou un rexeitamento crecente entre a veciñanza das parroquias de Casnaloba, Brandela e outras localidades limítrofes cos concellos de Sandiás e Allariz. Estes denuncian falta de transparencia, posibles irregularidades urbanísticas e graves impactos ambientais sobre a auga, a paisaxe e o Camiño de Santiago

O malestar veciñal, que se xestaba desde o verán, intensificouse tras publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOGA nº 191, do 3 de outubro de 2025) o anuncio da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, no que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental dunha planta de tratamento de residuos para a produción de biometano, compost e fertilizantes. O proxecto figura a nome da empresa Biofertilizantes Xunqueira de Ambía, S.L. (expediente 2024-IPPC-I-153).

A primeira comunicación formal sobre a iniciativa chegou o 20 de agosto de 2025, cando a compañía DAFO, con sede en Xixón, notificou ás autoridades locais a posibilidade de construír unha planta no monte do Cardedo (Brandela). Dende entón, a veciñanza mobilizouse para coñecer os detalles dun proxecto que consideran “opaco, apresurado e alleo ao interese público”.

Dúbidas legais e queixas pola falta de información

Os veciños e comuneiros afectados denuncian que non se lles facilitou ningunha documentación técnica nin ambiental sobre as plantas proxectadas, nin tampouco se abriron procesos de información pública ou participación veciñal nos prazos adecuados. “Non sabemos se existe expediente completo nin se se compren os requisitos legais para construír en solo rústico e monte comunal”, aseguran representantes da comunidade de Casnaloba-Brandela.

Segundo explican, a maior parte das parcelas onde se proxectan as plantas son montes veciñais en man común, algúns deles catalogados como espazos de interese ambiental, o que complicaría a súa transformación en chan industrial. “Non se nos explicou cales son os límites reais, nin se respectan as figuras de protección, nin se hai avaliación previa de impacto paisaxístico”, engaden.

As críticas tamén se dirixen contra o presidente da Comunidade de Montes de Brandela-Casnaloba e o alcalde de Xunqueira de Ambía, aos que acusan de actuar con “ocultismo e desleixo institucional”. No comunicado conxunto difundido polos veciños, “o alcalde coñece os plans pero non ofrece información, e o presidente da Comunidade de Montes limita as reunións a círculos reducidos, sen explicacións públicas nin acceso á documentación”.

Medo á contaminación e ás repercusións sobre a saúde

Entre os principais argumentos dos opositores figuran os riscos ambientais asociados á instalación deste tipo de plantas. A comarca da Limia é unha zona caracterizada pola súa riqueza en mananciais e regos naturais (Valilongo, Liñón, O Rego, Chuqueiro, Cortiña) que alimentan o río Limia, un curso fluvial xa sometido a fortes presións por contaminación agrícola e gandeira.

Os veciños temen que as novas instalacións poidan agravar esa situación debido á posible liberación de nitratos, xofres e outros compostos químicos procedentes do proceso de dixestión anaerobia e do almacenamento de residuos. “Non se nos explicou que é un dixestato nin onde se vai verter”, sinalan. “Hai experiencias noutras plantas de Galicia, como a de Sarreaus, onde o terreo arredor quedou queimado e a instalación tivo que pechar”.

Asemade, a proximidade das zonas escollidas aos núcleos de poboación (en moitos casos a menos dun quilómetro) xera preocupación polo impacto en forma de cheiros, ruídos e escapes de gas metano, así como pola afectación á seguridade viaria na contorna da autoestrada A-52, onde se prevén accesos para camións cisterna.

Outro punto sensible é o consumo de auga. As plantas de biogás precisan grandes volumes para o seu funcionamento, e a de Cardedo atópase nunha área propensa a inundacións. “Temos medo de que collan auga da canle de desaugue e que iso esgote a capa freática, afectando os pozos das casas”, comenta unha residente de Casnaloba.

Un impacto paisaxístico e patrimonial

A veciñanza advirte tamén do efecto paisaxístico e social que terían as novas instalacións. A presenza de estruturas industriais, chemineas e depósitos metálicos a escasa distancia das aldeas suporía, din, unha “ferida visual irreparable” nun territorio de gran valor natural e cultural.

A comarca atópase atravesada por dúas rutas do Camiño de Santiago (a Vía da Prata e o Camiño Portugués do Interior), que discorren a menos dun quilómetro das localizacións proxectadas. “O paso dos peregrinos é unha fonte de actividade económica e de identidade cultural; a súa degradación sería un golpe para o turismo rural e a imaxe da Limia”, sosteñen os veciños.

Ademais, parte dos montes afectados limitan coa Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Limia e coa Reserva da Biosfera de Allariz, áreas incluídas na Rede Natura 2000. Isto obrigaría, segundo a lexislación vixente, a realizar avaliacións ambientais específicas que garantan a compatibilidade das actuacións co marco de conservación da biodiversidade.

O transporte de residuos doutros concellos

Outro dos aspectos máis controvertidos é o da procedencia das materias primas. As plantas de biogás precisan de grandes cantidades de residuos orgánicos, puríns e restos agroindustriais, que, tal e como sospeitan os veciños, chegarían de outros concellos ou mesmo doutras provincias.

Isto implicaría un tráfico constante de camións e un aumento do risco de vertidos accidentais, ademais dun elevado custo ambiental polo transporte de residuos. “Non ten sentido construír plantas que dependan de traer xurros doutras comarcas, cando aquí non hai unha actividade gandeira que xustifique tal volume”, argumentan.

Reivindicacións e demanda de participación cidadá

Ante esta situación, a veciñanza de Casnaloba, Brandela e parroquias próximas solicita á Xunta e ao Concello de Xunqueira de Ambía a paralización inmediata de calquera trámite administrativo vinculado aos proxectos de biogás, ata que se garanta un proceso de información pública e de avaliación ambiental independente.

O colectivo pide a creación dun espazo de diálogo e consulta cidadá, con reunións abertas, acceso á documentación e prazos amplos para presentar alegacións. Reclaman tamén o cumprimento estrito da Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental e do Decreto 411/2009, que regulan a participación pública e a protección dos recursos naturais.

Para os veciños, o obxectivo é claro: evitar que a comarca se converta nun vertedoiro industrial e asegurar un modelo de desenvolvemento sostible baseado na conservación da auga, do monte e da paisaxe. “Queremos progreso, pero non a calquera prezo. Non imos permitir que o noso territorio se degrade por intereses privados”, conclúe un dos portavoces.

Un conflito aberto sen data de resolución

Polo momento, a tramitación administrativa do proxecto de Biofertilizantes Xunqueira de Ambía, S.L. continúa en fase de exposición pública. A Xunta deberá avaliar as alegacións que se presenten e emitir os informes ambientais preceptivos antes de conceder ou denegar a autorización definitiva.

Mentres tanto, a mobilización veciñal continúa. En Casnaloba e Brandela estanse a recoller sinaturas e adhesións de apoio, e prevese que nas próximas semanas se convoquen asambleas abertas e concentracións informativas.

“Queremos que se nos escoite e que se respecte o noso dereito a decidir sobre o territorio”, afirman. “Non pedimos máis ca transparencia e sentido común. Se o proxecto é inocuo, que o demostren con datos e non con silencios.”

Comparte esta noticia