A nova Lei de loita integral contra os incendios forestais comezará a súa tramitación en outubro
A nova Lei de loita integral contra os incendios forestais comezará a súa tramitación o vindeiro mes de outubro. Así o ven de afirmar no Parlamento o conselleiro do Medio Rural, José González. Neste sentido, o conselleiro apelou ao consenso parlamentario na loita contra o lume, demandando cooperación e entendemento a todas as formas políticas e administracións implicadas. Ademais, reiterou “o compromiso do Goberno galego a prol dun labor conxunto, de facer política real e de poñer a Galicia por riba de calquera outro interese nesta cuestión”.
Neste sentido, González sinalou a oportunidade de lexislar en consenso no desenvolvemento desta nova Lei. Trátase dunha norma que avanza xa en colaboración cos profesionais do Servizo e cos seus representantes; e incorpora todas as recomendacións da Comisión parlamentaria creada tras os lumes de 2017 e as conclusións do Grupo de expertos independentes. Ademais, o conselleiro indicou que a aprobación desta normativa traerá consigo un avance na necesidade de concienciar ao resto das administracións autonómicas da dimensión deste problema e de implicarse realmente na loita para facerlle fronte. Por este motivo, o conselleiro pediu un pacto político para afastar os incendios da loita partidista e converter ao territorio galego “nun país moito máis resiliente fronte aos incendios forestais”.
Actuacións de restauración
O conselleiro tamén avanzou que o seu departamento xa ten en marcha actuacións de restauración de zonas afectadas por incendios forestais en Galicia por importe de medio millón de euros, algunhas delas en zonas de Rede Natura. O titular de Medio Rural aseverou que “o Goberno galego traballa de xeito inmediato, incluso antes de dar por extinguido o lume, na avaliación dos danos, para reparar as súas consecuencias”. Ademais, destacou a estreita comunicación que se tivo desde o primeiro momento con cada unha das comunidades de montes afectadas.
Así mesmo, lembrou a rápida actuación do Executivo galego á hora de poñer a disposición axudas de apoio os damnificados polos incendios forestais do mes de xullo. Nesta liña, destacou os catro millóns de euros que puxo o seu departamento para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos incendios. Polo tanto, o conselleiro insistiu en que a axuda por parte co Goberno galego foi inmediata. De feito, lembrou que a Xunta destina á prevención e á extinción de incendios máis de 180 millóns de euros. Neste sentido, González sinalou que se destinaron no período 2021-2022 un total de 5,2 millóns de euros en actuacións preventivas en concepto de limpeza das faixas auxiliares e mellora das condicións das pistas por todo o territorio galego.
Afectación por lumes en espazos protexidos
O titular de Medio Rural indicou que “a data actual a afectación oscilou nunhas cifras similares ás dos últimos dez anos”. Así, trasladou que, tal e como recolle o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) do ano 2022, a superficie afectada por incendios forestais en Rede Natura na última década supón o 12,50% do seu territorio total, unha porcentaxe que se incrementa ata o 25,61% da superficie total rexistrada en parques naturais. Con respecto aos datos deste ano, José González sinalou que a superficie afectada no conxunto dos espazos naturais protexidos ascende a 20.317,28 hectáreas, mais subliñou que se trata duns datos provisionais.