Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A “non cea” solidaria de Inocentes, para denunciar o consumo de especies en vías de extinción en restaurantes

A Asociación Galicia Ambiental anunciou, dende primeira hora de hoxe domingo, a celebración dun xantar institucional no restaurante “Galicia Calidade”, con invitados de primeiro nivel vinculados á xestión ambiental, turística e gastronómica de Galicia. O encontro presentouse como un acto gastronómico e “solidario”... que en realidade non era máis que unha “inocentada-denuncia” neste 28 de decembro para amosar a contradición entre patrimonio natural, identidade gastronómica e políticas públicas; nun contexto marcado pola crecente e alarmante preocupación ante o deterioro dos ecosistemas galegos e a perda acelerada de biodiversidade coa desaparición de especies autóctonas por mor do interese económico que espertan e que seguen a ser obxecto de promoción por algúns destacados cociñeiros españois.

Entre os tan ilustres invitados atópanse figuras destacadas do ámbito político e institucional coma o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; as conselleiras de Medio Rural e de Medio Ambiente, María José Gómez e Ángeles Vázquez; o director xeral de Turismo, José Manuel Merelles; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; representantes das asociacións galegas de hostalaría e algúns dos “grandes chef” que fan unha obscena ostentación nas redes sociais de pratos que ofrecen productos case extinguidos na península, como o alevín da anguila, as angulas.

No anuncio da convocatoria, presentouse un menú conformado por manxares galegos que xa escasean ou están desaparecidos (salvo para algúns restaurantes "chic"): Angulas do río Miño, Santiaguiño, Salmón do río Ulla, Lamprea do río Ulla, Filete de Esturión do río Miño e Pita do Monte (Urogallo) dos Ancares. Para pechar a experiencia gastronómica, ofrecíase unha sobremesa elaborada cunha tarta de mazá da variedade tradicional Foxa de Lourenzá. Cada comensal ía pagar, en función do consumo destas especies de alto valor gastronómico, segundo as súas preferencias e o recadado iría destinado a promocionar o consumo destas especies en restaurantes de "primeiro nivel".

Situación real das especies e consecuencias do seu consumo

A elección destes produtos xa non responde a criterios gastronómicos, senón ao seu valor como indicadores do estado real dos ríos, montes e sistemas agrarios de Galicia.

Angulas do río Miño (Alevín de Anguilla Anguilla)

A angula, fase xuvenil da anguía europea, atópase nunha situación crítica recoñecida por organismos científicos internacionais. No río Miño, o seu colapso poboacional é consecuencia directa de décadas de sobre pesca, contaminación, presas, alteración dos caudais e destrución de rutas migratorias. Cada exemplar consumido resta posibilidades de recuperación a unha especie ao bordo do colapso funcional.

Santiaguiño da ría de Muros (Scyllarus Arctus)

O santiaguiño é un dos mariscos galegos máis apreciados polo seu sabor e a súa calidade. Dada a súa escaseza, é tamén un dos máis cotizados (o seu prezo sitúase entre os 90 e os 160 euros o quilo), xa que este marisco crustáceo está en perigo de extinción e figura na Lista Vermella de Especies Ameazadas da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).

Salmón do río Ulla (Salmon salar)

O salmón atlántico pasou de ser un recurso emblemático a converterse nunha rareza biolóxica. No Ulla, as capturas son testemuñais e as poboacións apenas alcanzan niveis mínimos de reprodución natural. O consumo de salmón salvaxe galego non é sostible baixo ningún criterio técnico e contribúe á desaparición definitiva dunha especie gravemente afectada polo cambio climático e pola presión humana. Desde a Asociación Galicia Ambiental aprovéitase a ocasión para denunciar as prácticas irresponsables da Consellería de Medio Ambiente en materia de protección do salmón, como demostra a recente autorización da celebración dun campionato de pesca na Estrada, malia terse prohibido expresamente a súa pesca pola situación crítica da especie. Se por razóns turísticas fose necesario manter a festa asociada a unha xornada de pesca, o coherente, cando menos, sería realizala mediante captura e solta, é dicir, pesca sen morte (aínda que, dada a escasa presenza de exemplares no río, dubidamos que nin sequera nesta modalidade houbese máis ca algunha captura accidental, se é que chega a producirse).

Lamprea do río Ulla (Petromyzon marinus)

A lamprea continúa explotándose comercialmente mentres as súas poboacións diminúen de forma constante. As barreiras fluviais, a degradación do leito do río e a sobre explotación impiden a súa recuperación. Manter o seu consumo como produto tradicional ignora a realidade ecolóxica dos ríos galegos e acelera un proceso de esgotamento que compromete a súa viabilidade futura.

Esturión do río Miño (Acipenser sturio)

O esturión europeo foi unha especie emblemática do Miño e outros ríos de Galicia e considérase extinguida en Galicia dende fai décadas. A súa desaparición é consecuencia directa da sobrepesca e da transformación irreversible do río, e representa un fracaso colectivo de xestión e protección ambiental. Documéntase a súa presenza ata os anos 60, a partir de onde foi desaparecendo ao tempo que íanse inaugurando embalses no Miño e o seu tributario o Sil.

Urogallo dos Ancares (Tetrao urogallus cantabricus)

A Pita de Monte - urogallo cantábrico atópase en perigo crítico de extinción. Nos Ancares, a redución e fragmentación do seu hábitat, a presión forestal e a ausencia de medidas efectivas de protección levaron á especie a unha situación límite. Falar do seu consumo hoxe é falar dunha máis das especies de fauna silvestre empuxada ao bordo da desaparición pola inacción institucional.

Mazá “foxa” de Lourenzá

A mazá foxa simboliza o abandono das variedades agrícolas tradicionais, substituídas por modelos produtivos intensivos e uniformes. A súa desaparición implica a perda de biodiversidade agrícola, e coa cita nesta accción reivindicamos o saber campesino e resiliencia fronte ao cambio climático e o abandono de prácticas agrarias tradicionais o seu valor ecosistémico.

Día dos Santos Inocentes

Este devandita inocentada, reflicte unha realidade alarmante: moitas destas especies continúan servíndose en restaurantes, sendo promocionadas e “usadas” por intereses turísticos, en accións toleradas (cando non promovidas) pola administración, a pesar da súa situación crítica ou incluso de extinción funcional. As autoridades competentes seguen sen actuar, permitindo que a presión humana sobre estas especies continúe intacta e que a inacción institucional sexa responsable da perda irreversible de biodiversidade en Galicia. A elección do nome do restaurante, “Galicia Calidade”, reflicte ironicamente que estamos ao bordo de perder estas especies que nos diferencian e que a broma remata onde comeza a realidade: estas especies desaparecen mentres ninguén asume a responsabilidade de poñerlle coto.

Estase a producir unha preocupante proliferación de restaurantes que alardean publicamente de servir especies en risco de desaparición como reclamo gastronómico e sinal de exclusividade. Trátase, na maior parte dos casos, de establecementos distinguidos con selos de calidade, recomendacións institucionais ou presenza habitual en guías gastronómicas de prestixio, que converten a rareza biolóxica e a escaseza extrema nun valor engadido de mercado. Esta tendencia evidencia unha grave disonancia entre o discurso oficial de protección da biodiversidade e determinadas prácticas promovidas ou toleradas desde ámbitos que presumen de excelencia, contribuíndo á normalización social do consumo de especies ameazadas como símbolo de status e diferenciación.

Por iso mesmo, dende Galicia Ambiental, activamos tamén unha campaña de sinaturas para pedir aos máis destacados chefs españois que retiren das súas ofertas culinarias calquera especie en risco de desaparición e que, por parte das Asociacións de Cociñeiros e Reposteiros de España (FACYRE) ou colectivos locais como o Grupo NOVE (Agrupación Galega de Vangarda), se constitúa un grupo de traballo asesorado por científicos e persoas de organizacións ecoloxistas que lles axuden a entender cales destas especies non deberían figurar nas súas cartas.

https://www.change.org/restaurantessinespeciesenpeligro

Comparte esta noticia