Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Morte de aves en Galicia: gripe aviar e botulismo protagonizan o fin do verán, sen que a administración despexe dudas

Dende hai dúas semanas véñense recollendo no encoro de Vilagudín (Ordes) unha media diaria de 20 gaivotas mortas aparentemente por causa do botulismo, doenza causada pola bacteria Clostridium botulinum, e da cal xa se reportaran gromos no pasado. Son datos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que resalta que a maior parte das aves afectadas son gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), especie que ven de experimentar un declive moi importante nas súas poboacións en Galicia.

Ante esta situación, a Xunta de Galicia ordenou veda de pesca no encoro de Vilagudín “ata determinar as causas do episodio e o seu impacto”. A asociación ecoloxista destaca que esta medida adoptada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, malia que é necesaria, resulta insuficiente. Os episodios de mortaldade de aves e outra fauna (causados, presumiblemente, por botulismo) que a Xunta cualifica de “extraordinarios”, estanse a producir de xeito recorrente ano tras ano no encoro de Vilagudín, cando menos desde 2016, segundo ten constancia ADEGA. Ademais, xa se están estendendo a outras zonas encoradas do noso territorio.

Así, na inspección realizada o pasado 29 de agosto, os axentes ambientais da Xunta atoparon máis gaivotas mortas ou con síntomas de enfermidade. Non se trata dun caso illado, xa que en agosto do ano pasado produciuse unha morte masiva dunhas 337 aves. En novembro de 2021, a consellería confirmou que a mortaldade dese ano debíase a unha intoxicación por toxina botulínica, tras a esixencia de explicacións de Ecoloxistas en Acción. Malia que esta situación se repite cada ano, non se ofrecen explicacións das causas que orixinan esta toxina.

A Consellería de Medio Ambiente indica que, dende o día 29 de agosto (momento no que se tivo coñecemento da mortaldade de aves no encoro de Vilagudín), estanse a realizar inspeccións diarias, ademais da posta en marcha dun dispositivo para determinar todas as posibles causas e reducir as súas consecuencias como: retirada de animais mortos, evitando a dispersión do posible axente causal; retirada e tratamento de animais vivos; toma de mostras en animais vivos; seguimento; e necropsia e toma de mostras en animais mortos para determinación de posible axente causal.

ADEGA pide unha investigación “rigorosa e en profundidade”

ADEGA considera necesario que se aborde esta situación como unha “problemática recorrente e que se pode converter en crónica, se a Xunta nos dispón os medios e recursos necesarios para atallala canto antes”. Neste senso, a asociación demanda que se inicie unha “investigación rigorosa e en profundidade das causas que hai detrás destes reiterados episodios de mortaldade supostamente por botulismo, tanto na contorna do encoro de Vilagudín, como das outras zonas onde se detectaron feitos semellantes”. Neste sentido, ADEGA lembra que é preciso identificar cales son os focos do botulismo para determinar cales son as solucións.

A asociación insta á Xunta para que faga unha “inspección minuciosa dos vertedoiros galegos, en especial do macrovertedoiro da Areosa, en Cerceda, como posible foco desta doenza”. Noutro suposto, ADEGA considera que podería ser que exista unha vertedura dalgún tipo de residuo orgánico. Ao tempo, dende a organización “reclamamos que se destinen os recursos técnicos e económicos necesarios para facer fronte á atención do elevado número de gaivotas e outras aves afectadas nos centros de recuperación de fauna salvaxe, perante os primeiros indicios de botulismo, garantindo a presenza de persoal a diario nos centros, e un reforzo do mesmo en situacións de necesidade”.

A gripe aviaria en mascatos

Segundo a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, (CEMMA), “no embarque participativo de estudo de cetáceos de onte fronte á ría de Muros-Noia sorprendeunos moito ver mascatos en paso migratorio que tiñan os ollos negros, entendemos que debido a unha extrema dilatación da pupila. Algúns cos dous ollos afectados, otros só con un”. A organización explica que a dilatación da pupila pode indicar unha patoloxía neurolóxica, “e tendo en conta os milleiros de mascatos que morreron este ano no norte debido á gripe aviaria, pode ser indicativo de que teñan esta enfermidade”.

CEMMA lembra que en Galicia xa se confirmou a enfermidade en varios mascatos atopados feridos na coste neste final de verán. Ademais pide que, no caso de atopar un ave mariña, “non vos acheguedes nin a toquedes e comunicade a súa presenza ao 112, dende onde vos porán en contacto con algún dos centros de recuperación, que a recollerán”. Malia que se considera que a posibilidade de infección ás persoas é limitada, a organización advirte da necesidade de actuar con moito coidado, xa que se coñece a transmisión a outros mamíferos, como lobos mariños ou cetáceos.

Por outra banda, dous mascatos, un deles morto, apareceron este domingo na praia de Llas, en Foz. Varias persoas que se atopaban no lugar deron o aviso a Medio Ambiente para ocuparse das aves. As testemuñas afirmaron que o animal con vida apenas se podía mover da area e, malia os intentos de incorporarse, permaneceu inmóvil. Ata o momento, ninguna autoridade pasou polo areal a recoller ao mascato.

As últimas actualizacións da Xunta indican a detección de dous novos casos de influenza aviaria en mascatos. Con estes son, ata agora, doce os casos detectados en Galicia. Trátase de individuos desta especie (Morus bassanus), recollidos un deles na praia de Carnota (Carnota), neste caso atopado morto, e outro na praia de Langosteira (Arteixo), atopado enfermo. Ambos achados realizáronse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta. As aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), onde seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, "tras a toma de mostras de ambos animais, o mascato enfermo foi eutanasiado e ambos cadáveres foron eliminados conforme á normativa vixente".

Segundo a Consellería do Medio Rural, a influenza aviaria é, xunto coa Enfermidade de Newcastle, a patoloxía máis importante para as explotación avícolas, “tanto polos elevados niveis de morbilidade e mortalidade que producen como polas importantes restricións comerciais que a súa presenza implica para o sector da avicultura”. Dende o ano 2003 lévase a cabo, tanto en Galicia como no resto do Estado, o Programa de vixilancia da influenza aviaria en España, tanto sobre as aves domésticas como sobre as aves silvestres. A situación epidemiolóxica en relación á influenza aviaria está en constante vixilancia en todos os países da Unión Europea.

Comparte esta noticia