Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A minería galega afronta novas obrigas de restauración ambiental e garantías económicas

A minería galega podería afrontar novas obrigas ambientais e económicas coa modificación da normativa estatal que regula a xestión dos residuos mineiros e a rehabilitación dos espazos afectados polas explotacións. O Ministerio para a Transición Ecolóxica propón un cambio de enfoque que vai máis alá da recuperación dos terreos unha vez finalizada a actividade extractiva e sitúa a restauración ecolóxica e a protección da biodiversidade no centro das actuacións.

A iniciativa afecta ao Real Decreto 975/2009 e forma parte das medidas previstas no Plan de Acción para a Xestión Sostible das Materias Primas Minerais 2026-2030. Galicia conta con 385 explotacións mineiras, das que o 36,6 % están situadas na provincia de Pontevedra, que concentra o maior peso da actividade extractiva da comunidade.

Da recuperación dos terreos á restauración dos ecosistemas

Un dos principais cambios da proposta é a incorporación expresa de criterios de biodiversidade, conectividade ecolóxica, adaptación ao cambio climático e protección da xeodiversidade nos plans de restauración. Ata agora, o enfoque tradicional estaba centrado fundamentalmente en devolver os terreos afectados a usos agrícolas ou forestais.

Coa nova regulación, as empresas deberán aplicar técnicas de restauración ecolóxica baseadas nas mellores técnicas dispoñibles, incluíndo medidas para reducir a fragmentación da paisaxe, favorecer as especies polinizadoras e recuperar hábitats naturais. A proposta tamén recoñece o valor dos servizos ecosistémicos que poden xerar os espazos restaurados e promove a custodia do territorio como ferramenta para a súa recuperación. Ademais, contempla que estes terreos poidan ter novos usos recreativos, deportivos, industriais, culturais, ambientais ou enerxéticos.

Máis garantías económicas e controis de seguridade

Outro dos aspectos centrais da reforma é o reforzo das garantías financeiras que deben constituír as empresas mineiras para asegurar que a restauración dos espazos afectados poida levarse a cabo. O Ministerio propón establecer unha metodoloxía común para calcular estas garantías en todo o Estado, diferenciando as cantidades destinadas á restauración xeral dos terreos das correspondentes ás instalacións de residuos mineiros.

Os importes deberán revisarse periodicamente en función da evolución dos proxectos e das necesidades de restauración pendentes, cunha periodicidade máxima de cinco anos. O obxectivo é adaptar as garantías ao estado real das explotacións e evitar que queden desfasadas respecto das obrigas ambientais existentes.

A modificación ademais endurece os requisitos técnicos das instalacións de residuos mineiros. Entre outras medidas, amplía os períodos de retorno considerados nos estudos hidrolóxicos e reforza as esixencias de estabilidade xeotécnica. Incluso incorpora análises máis avanzadas dos riscos asociados a terremotos, inundacións e movementos do terreo nas balsas, presas e vertedoiros, incluído o período posterior ao seu peche.

Atención ás antigas explotacións abandonadas

A reforma pretende abordar igualmente o legado ambiental da minería histórica, establecendo un marco específico para os pasivos mineiros e clarificando as responsabilidades en materia de seguridade e restauración.

Neste sentido, o MITECO prevé elaborar un inventario estatal de ocos mineiros abandonados para identificar espazos que poidan ter potencial para novos usos ambientais, enerxéticos, industriais ou recreativos. Asimesmo contempla a publicación dun manual estatal de restauración ecolóxica que estableza criterios comúns para rehabilitar os terreos afectados pola actividade extractiva.

A proposta busca, en definitiva, que o peche dunha explotación non se limite ao abandono das instalacións ou á recuperación superficial dos terreos, senón que garanta unhas condicións de seguridade e unha recuperación ambiental efectiva.

O procedemento de audiencia e información pública abriuse o 27 de outubro e permanecerá dispoñible ata o 4 de decembro de 2026. As persoas e entidades interesadas poden presentar as súas achegas a través do formulario que se habilitará na páxina web do MITECO ou á dirección electrónica bzn-sgminas@miteco.es, indicando no asunto "AeIP mod RD 975".

https://www.miteco.gob.es/es/energia/participacion/2026/detalle-participacion-publica-k-865.html

Comparte esta noticia