Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A mala xestión de SOGAMA coloca a Galicia terceira pola cola en reciclaxe a nivel estatal

Galicia, cuxa xestión de residuos está liderada pola Xunta e SOGAMA (a excepción das comarcas de A Coruña e Barbanza), “atópase á cola en recollida separada e reciclaxe no Estado, incumprindo actualmente os obxectivos da lexislación para 2020, segundo os datos do MITECO, e sen perspectivas de mellora nin de poder cumprir cos obxectivos para 2025 ou 2030”. Son datos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que subliña que a comunidade galega pasou de cuarta (2018) a terceira (2019) pola cola en reciclaxe. Os datos dos últimos anos reafirman, en contra do que a Xunta intenta transmitir á sociedade, que o sistema TMB (Tratamento Mecánico-Biolóxico) empregados polas plantas de Nostián (A Coruña) e de Lousame (Barbanza), alcanza mellores resultados que os obtidos por SOGAMA. Á súa vez, o sistema TMB evita a incineración, que vai en contra da economía circular ao valorarse o residuo unha soa vez.

A asociación ecoloxista indica que “unha análise polos diferentes ámbitos de xestión mostra como os tres ámbitos están moi igualados en canto a recollida separada en orixe de P/C e vidro, o que achega un 8% de reciclaxe dos RM, de media a nivel galego”. As diferenzas aparecen pola achega das plantas de tratamento, cunha achega media total á reciclaxe doutro 5,5% dos RM de Galicia, incluíndo residuos de envases e outras fraccións secas, ademais de vidro e P/C. Así, a reciclaxe atinxiu un total de 13,5% dos residuos en 2019. Neste ano, a achega de cada planta mostraba grandes diferenzas, con resultados moi pobres para SOGAMA (4,7% de todos os RM do ámbito) e máis positivos para Nostián (8,5%) e especialmente para Barbanza (13,6%).

ADEGA
Fonte: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)


En canto ao tratamento en planta, a compostaxe e a biodixestión tamén contribuíron á reciclaxe nos ámbitos Nostián (34,9% dos RM) e Barbanza (12,9%). Sumando estas cifras ás de reciclaxe das fraccións secas, unicamente o ámbito Nostián (52% de reciclaxe en 2019) tería acadado os obxectivos da normativa para 2020 (50% de reciclaxe), mentres Barbanza ficaría no 35,2% e o ámbito SOGAMA no 12,6%.

ADEGA, a través dos datos do MITECO, revela que o contedor amarelo de ECOEMBES conseguiu unicamente (tras 24 anos) captar o 19,3% da masa en bruto dos residuos de envases xerados no ámbito SOGAMA. Porén, o 33,4% dos residuos recollidos nese contedor de SOGAMA acaban na incineradora xunto coa fracción resto. Ao descontar eses materiais impropios, a porcentaxe derivada de reciclaxe cae ao 11,2% dos residuos de Envases Lixeiros (EnL) xerados no ámbito de SOGAMA. Ademais, os datos afirman que Nostián recupera o 48,9% e Barbanza o 57,7%, facendo uso dun único contedor e circuíto de recillida para a fracción seca (FIRM).

Fonte: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)


No ámbito de SOGAMA, a cantidade de residuos recollidos no contedor amarelo foi aumentando dende as 13.200 toneladas de 2003 ata as 31.194 toneladas de 2020, mentres a recuperación en planta de residuos de envases a partir deste contedor pasou de 5.316 toneladas a 19.339 nese mesmo período. Segundo ADEGA, “poderiamos pensar que se trata dunha evolución positiva mais compre ter en conta que o resultado final en 2020 foi de tan só a recuperación do 11,2% dos residuos de envase xerados no ámbito SOGAMA”. A asociación ecoloxista subliña que, de seguir así, “acadaríamos o 20% da recuperación destes materiais”. Pola súa parte, o vertido de residuos na Areosa aínda rexistrou o 30% do total en 2020, sumando 6,5 millóns de toneladas acumuladas dende 1995.

A asociación ecoloxista conclúe que o modelo de contedor amarelo de SOGAMA “fracasou completamente no obxectivo de poder cumprir os requirimentos legais de reciclaxe destes residuos. Dada a lonxitude dos circuítos de recollida, a baixa densidade dos EnL, a baixa taxa de captación, e o uso de vehículos de combustión, este modelo debería mudarse radicalmente porque arestora, e malia á propaganda da Xunta, está fóra dos requerimentos da economía circular”.

A Xunta intenta camuflar o fracaso de SOGAMA

Para cuestionar a viabilidade do sistema de recollida e compostaxe da planta de Lousame (Barbanza), a consellería de Medio Ambiente enviou o pasado novembro cartas aos concellos que opera a planta por supostos incumprimentos da normativa de residuos. Porén, ADEGA indicou que a consellería “esqueceu mencionar as ruinosas cifras de SOGAMA ocultando os reiterados incumprimentos legais que amosa o seu modelo e as consecuencias que para os concellos enganchados á incineración vai ter o establecemento de taxas aos tratamentos finalistas”. Así, a Xunta evadiu os resultados do sistema SOGAMA, que leva case 30 anos “amosando as cifras máis baixas de reciclaxe do Estado español”.

Outro dos argumentos que empregou a Xunta para coaccionar aos concellos aderidos á planta de Lousame foi o cuestionamento do modelo húmido/seco, “debido a unha interpretación interesada e torticeira da Directiva 2018/851”. Así, ADEGA recalcou que o único sistema válido para a Xunta é o de ECOEMBES (contedor amarelo), “que está patrocinado polas grandes produtoras de residuos” e que “amosa unha pobre recuperación material”. Porén, tal e como a asociación ecoloxista amosou nun gráfico, o sistema húmido/seco usado polos concellos da Mancomunidade do Barbanza recupera case catro veces máis materiais por habitante e ano que SOGAMA co contedor amarelo.

Fonte: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Comparte esta noticia