Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A iniciativa #MiCostaSinPlástico conciencia sobre o problema dos plásticos no medio mariño

A asociación Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), centro científico mariño independente dedicado á investigación e conservación da biodiversidade mariña, está a desenvolver, coa colaboración do Grupo Davila, a iniciativa #MiCostaSinPlástico. Trátase dunha acción dentro do proxecto de estudo das nutrias costeiras “Nutriamar” que pretende realizar xornadas de retirada de plásticos das costas galegas, xa que, segundo o centro científico, son moitos os habitantes do medio mariño que sofren as consecuencias da presenza de plásticos na súa contorna. A primeira xornada da iniciativa, levada a cabo na costa de Rons e Punta Cantodorxo (O Grove), rematou con máis de 5800 pezas de plástico, centos de botellas deste material, máis de 50 mascarillas, nasas abandoadas e case dous contedores cheos de residuos.

 

Bruno Díaz, director do BDRI e científico con máis de 20 anos de experiencia en investigación de cetáceos, explica que “en máis do 15% da dieta das nutrias están presentes os plásticos”. Polo tanto, a iniciativa #MiCostaSinPlástico baséase en “xornadas de retirada de plásticos de diferentes zonas da costa na que habitan as nutrias que estamos estudando”. O director da asociación destaca á entidade mercantil Grupo Davila de Vigo: “É quen fixo posible coa súa colaboración que puidésemos preparar a campaña e levala a cabo”, explica. Ademais, o BDRI conta cun grupo de voluntarios bastante extenso, no que participan moitos estudantes que están rematando as súas carreiras de bioloxía e que, polo tanto, están moi vinculados coa conservación do medio ambiente. Aínda así, Bruno Díaz expresa que a cuestión máis relevante “non é quen limpa ou non, senón quen non ensucia”. É dicir, “o importante é que a xente se conciencie de que os plásticos están causando un forte impacto”.

 

Polo tanto, un dos obxectivos da iniciativa é concienciar ao público e ás administracións de que os plásticos están causando un grave impacto no medio ambiente. “O problema das administracións é que, cando chega o bo tempo, parece que só chama a atención que as praias teñen que estar limpas dende un punto de vista turístico”, declara. Porén, a problemática dos plásticos sempre está aí: “Nós traballamos todo o ano e sempre nos atopamos con plásticos no mar e na costa”, explica o director do BDRI. Ademais, fai alusión aos claros obxectivos que ten a súa asociación, comprometida coa investigación e educación coa biodiversidade mariña e o medio ambiente. Polo tanto, conclúe o seguinte: “Somos un equipo de biólogos e profesionais que temos claro que a limpeza de praias faise por un motivo totalmente ambiental, dando igual que a costa sexa turística ou non: o importante é que se retiren os residuos”.

 

A idea, asociada coa poboación de nutrias que estuda actualmente a organización, está enfocada na zona xeográfica de O Grove. Bruno Díaz comenta que a maior parte dos voluntarios e o seu equipo están traballando principalmente na Ría de Arousa, dándolle protagonismo ás familias de nutrias que reciben un grande impacto negativo con respecto á presenza de plásticos na costa. Porén, destaca que “é unha iniciativa que se podería estender, sen dúbida algunha, a outras partes de Galicia”, sempre e cando se formen colaboracións con outras entidades e grupos de voluntarios interesados en unirse ao programa.

Comparte esta noticia