Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A incidencia de cancro nas proximidades de Sogama, unha cuestión pendente

A preocupación do aumento dos casos de cancro nas proximidades da planta incineradora de Cerceda motivara a petición dun estudo epidemiolóxico

A solicitude, que mesmo foi levada ó Parlamento, quedou estancada pese ós estudos médicos que alertan desta posible relación entre a incineración e a incidencia do cancro

19-12-2018

Un caso de cancro por cada inmoble da rúa do Paseo, en Ordes. Este foi o dato que fixo saltar as alarmas respecto da posible relación entre esa enfermidade e a planta de incineración que Sogama ten en Cerceda (A Coruña) e que fixo reclamar ó concello un estudo epidemiolóxico sobre esta cuestión.

O Bloque Nacionalista Galego facíase eco, xa no 2013, da preocupación e da falta de información ao respecto e presentaba unha proposición non de lei no Parlamento galego na que instaba á Xunta a realizar un estudo epidemiolóxico «independente» sobre a incidencia de casos de cancro entre os cidadáns que residen nos arredores da incineradora de Sogama no concello coruñés.

Naquel momento a concelleira nacionalista en Cerceda, Rocío da Igrexa, e o concelleiro nacionalista en Ordes, Ramiro Recouso, evidenciaron a preocupación que existe na zona tanto pola «incidencia de casos de cancro» nas proximidades da incineradora como pola «falta de información» respecto dos posibles efectos negativos que esta planta poida ter na saúde dos habitantes. Unha preocupación que, lonxe de diminuír, non fixo máis que medrar dende que se coñece que os casos de cancro seguen medrando sen que, polo de agora, se conte cun «estudo independente e con rigor» sobre os efectos da incineradora. Malia a envergadura da cuestión, a petición quedou estancada.

O risco segundo estudos previos

Malia asegurar que non é a súa intención alarmar, o BNG defende a necesidade dun estudo por canto as Administracións Públicas teñen a obriga de vixiar o impacto que a planta de Sogama poida ter na saúde da cidadanía. E isto é así «por precaución».

Dende o grupo nacionalista consideran que a cuestión non é trivial, sobre todo cando xa se coñecen estudos previos que relacionaban ambos os dous aspectos. É o caso do estudo realizado polo Instituto Carlos III de Madrid, que evidencia que «as persoas que residen cerca de incineradoras teñen máis risco de padecer cancro», principalmente de estómago, riles ou pulmón.

Nesta mesma liña, os especialistas que participaron nun simposio médico celebrado en 2004 no País Vasco tamén puxeron de manifesto esa correlación e fixeron fincapé no «descoñecemento» dos efectos que as emisións destas plantas poden ter entre a poboación. De feito, neste simposio declarouse, que «o único valor de dioxinas aceptable para non existir risco é cero». Pero facer unha valoración neste senso en relación coa planta de Sogama é inútil por canto a opacidade que existe respecto das dioxinas que produce a incineradora de Cerceda é absoluta. Unha opacidade que, lonxe de tranquilizar, aumenta a preocupación. E é que a incineración en bruto de lixo, con abundancia de orgánico, marca a diferenza entre GALICIA e boa parte do resto de incineradoras europeas, nas que maioritariamente se “valoriza” CDR, é dicir, os restos da fracción non recuperable do proceso de selección en plantas de reciclaxe .

Saber é un dereito, e proporcionar os datos necesarios para facilitar ese saber, sobre todo cando unha actividade pode estar a atentar contra a saúde da poboación, unha obriga. De aí a reivindicación dun estudo sobre os posibles efectos da incineradora de Sogama tanto na poboación como nos alimentos que se producen na súa zona de influencia.

Comparte esta noticia