Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A gripe aviaria salta, nesta nova vaga de 2022, a mamíferos

A Xunta de Galicia ven de detectar un foco de influenza aviaria A (H5N1) nunha explotación de visóns localizada na provincia de A Coruña. Trátase dun subtipo de virus que se ven atopando nos casos de influenza aviaria rexistrados en España no último ano, tanto en aves domésticas como silvestres. O caso detectouse tras a aparición de animais enfermos na granxa con sintomatoloxía respiratoria, así como un incremento anormal da mortalidade nela. Polo tanto, tomáronse mostras para o diagnóstico de varias enfermedades que deron como resultado dous casos positivos á influenza A, sendo comunicados inmediatamente ás autoridades de Saúde Pública.

Tras recibirse os resultados, a granxa foi inmobilizada polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, “determinando a prohibición de entrada e saída de animais e doutros materiais que puideran vehicular o virus e o censado dos animais presentes”. Tamén se “restrinxiu a entrada e saída de vehículos externos e de persoas alleas á explotación, ademais de levar a cabo o reforzo de todas as medidas de bioseguridade e de limpeza e desinfección, así como a adopción de medidas que minimizaran o contacto do persoal da granxa cos visóns”. Ademais, realizouse a correspondente enquisa para efectuar os oportunos estudos epidemiolóxicos.

A valoración de risco (realizada coordinadamente entre as Consellerías de Sanidade e do Medio Rural) levou a que a Xunta de Galicia “decidira resolver o sacrificio dos animais e a eliminación dos posibles materiais da explotación que puideran constituír unha fonte de contaxio, así como a rigorosa limpeza e desinfección da granxa tras o despoboamento da mesma”. Malia que non existe unha regulación específica sobre as actuacións a desenvolver no caso de aparición de virus influenza en granxas de visóns, a Consellería do Medio Rural “iniciou actuacións de vixilancia nas explotacións avícolas e de visóns existentes arredor do foco, co fin de detectar a existencia dalgunha outra explotación afectada, así como establecer medidas de confinamento no caso das aves e de reforzo das medidas de bioseguridade”. Así mesmo, prohibirase na zona a celebración de concentracións de aves e a solta de aves cinexéticas para repoboación.

Gripe aviaria en mascatos

Os últimos datos da Consellería do Medio Rural (datados do 10 de outubro) revelan a detección doutros tres novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres. Con estes son xa 17 os casos notificados en Galicia, todos eles en mascatos. Así, trátase de de tres animais desta especie (mascato, alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus) atopados en concellos costeiros da provincia da Coruña no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia.

Dous deles estaban enfermos (un na praia de Camelle -Camariñas- e outro en Corrubedo -Ribeira-), mentres que o exemplar localizado na praia de Doniños (Ferrol) estaba morto. Todas as aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), onde seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, tras a toma de mostras, os animais enfermos foron eutanasiados e o cadáver eliminado conforme á normativa vixente.

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando nos últimos meses numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara ao sur. Malia que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, a Xunta recomenda non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Comparte esta noticia