Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A expansión do verme soldado fai que aumente a preocupación no campo galego

A expansión do verme soldado (Mythimna unipuncta), tamén coñecido como verme defoliador do millo ou couza militar, poñe en alerta ao sector agrario galego. A praga xa está presente en Galicia e foi detectada en distintos puntos da comunidade, pero a aparición nas últimas semanas de focos de elevada intensidade ao outro lado do río Eo fai temer un agravamento da situación, especialmente na Mariña lucense, unha das principais zonas produtoras de millo forraxeiro de Galicia.

O millo forraxeiro constitúe a base da alimentación de miles de explotacións de vacún de leite e representa un cultivo estratéxico para o sector gandeiro galego. A capacidade de dispersión deste insecto fan que agricultores e técnicos sigan con atención a evolución da praga, conscientes de que a súa expansión podería comprometer unha parte importante da produción forraxeira.


Un insecto capaz de multiplicarse rapidamente

O verme soldado é a fase larvaria dunha bolboreta nocturna migratoria amplamente distribuída en Europa. En condicións favorables de temperatura e humidade pode reproducirse con rapidez e formar importantes concentracións de larvas, que avanzan alimentándose da vexetación de maneira continuada, de aí o seu nome popular de "verme soldado".

As larvas aliméntanse principalmente das follas das gramíneas e poden ocasionar unha rápida defoliación dos cultivos cando a súa presenza é elevada. Aínda que afectan tamén a pradeiras, cereais e outras especies herbáceas, o millo figura entre os cultivos máis vulnerables, especialmente durante determinadas fases do seu desenvolvemento vexetativo. Os danos poden traducirse nunha diminución da produción de materia verde destinada á alimentación do gando e, nos casos máis graves, obrigar á realización de tratamentos de control para evitar unha maior expansión da praga.


Galicia reforza a vixilancia

A presenza do verme soldado non é nova en Galicia, a praga xa foi detectada en diferentes zonas produtoras da comunidade, o que levou á Consellería do Medio Rural a intensificar as labores de seguimento e control para coñecer a súa evolución e actuar coa maior rapidez posible.

Precisamente, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo o pasado 22 de xuño unha reunión con representantes de Unións Agrarias para analizar a afectación que estaba a provocar este insecto sobre o cultivo do millo, unha das principais forraxes empregadas na alimentación do gando galego. Tras ese encontro, a Consellería animou aos produtores a utilizar os produtos fitosanitarios autorizados todas as veces que sexa necesario para frear o avance da praga e minimizar os danos nas explotacións.


A Xunta reclama o uso de drons para aplicar os tratamentos

Unha das principais demandas trasladadas pola Xunta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación é a autorización para poder aplicar determinados tratamentos fitosanitarios mediante drons. Segundo defende a Consellería do Medio Rural, este sistema permitiría reducir de forma considerable os custos de produción, mellorar a eficiencia das aplicacións e evitar os danos que provocan os equipos terrestres cando o millo xa alcanzou un elevado desenvolvemento e o acceso ás parcelas resulta máis complicado.

A Xunta solicitou ao Ministerio que traslade con urxencia esta petición á Unión Europea para axilizar as negociacións que permitan autorizar este tipo de aplicacións aéreas. Trátase dunha reivindicación que, segundo lembra a propia Consellería, foi formulada en varias ocasións, a última delas o pasado 26 de xuño, sen obter polo momento unha resposta favorable.

Outra das peticións formuladas por Medio Rural é que os seguros agrarios inclúan a cobertura dos danos ocasionados polo verme defoliador do millo. A Consellería considera necesario que esta praga poida estar amparada polas pólizas do mesmo xeito que se está reclamando para outras enfermidades emerxentes, como o mildio da vide ou a dermatose nodular contaxiosa do gando.


Máis de 150 dispositivos para controlar a praga

A prevención constitúe outra das ferramentas empregadas pola Administración autonómica para seguir a evolución do verme defoliador do millo. Según informa Medio Rural, desde hai anos, a Consellería dispón dunha rede de trampas de feromonas distribuídas por diferentes puntos de Galicia, especialmente na provincia da Coruña, co obxectivo de detectar a presenza da bolboreta adulta e coñecer a evolución das súas poboacións. Na actualidade están instaladas 108 trampas destinadas ao seguimento da praga e outros 51 polilleiros orientados á captura masiva de exemplares nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.


A Mariña, unha das zonas máis expostas

A preocupación céntrase agora na Mariña lucense pola importancia que ten nesta comarca o cultivo do millo forraxeiro e pola proximidade dos focos detectados no occidente asturiano. A ausencia de barreiras naturais entre ambos territorios e a capacidade de dispersión da especie fan que o sector considere necesario manter unha estreita vixilancia durante as próximas semanas. Os especialistas lembran que a detección temperá continúa sendo a mellor ferramenta para reducir os danos. Recoméndase revisar periodicamente as parcelas para localizar a presenza de larvas ou os primeiros síntomas de defoliación e actuar unicamente mediante tratamentos autorizados cando resulte necesario.


Un verán favorable para a súa expansión

As condicións meteorolóxicas propias do verán favorecen o desenvolvemento desta especie. As temperaturas elevadas aceleran o seu ciclo biolóxico e poden facilitar a aparición de novas xeracións nun curto período de tempo, incrementando a presión sobre os cultivos.

Por este motivo, tanto as autoridades agrarias como o propio sector consideran que as próximas semanas serán determinantes para comprobar a evolución da praga. Mentres Galicia mantén activos os sistemas de seguimento e control, a expansión observada no occidente de Asturias incrementa a preocupación polo risco de que a presión do verme soldado aumente nas comarcas limítrofes e acabe afectando con maior intensidade aos cultivos de millo forraxeiro da Mariña lucense e doutras zonas produtoras da comunidade.

Comparte esta noticia