Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Coruña destina máis de 10 millóns de euros a subvencionar voos non rentables

O Concello de A Coruña dedicou máis de 10 millóns de euros para financiar voos deficitarios no Aeroporto de Alvedro. É unha das conclusións que Greenpeace sacou á luz na investigación “Chanchullos en el aire: Análisis de las subvenciones de ayuntamientos y comunidades al sector aéreo”. O obxectivo principal do informe é detectar e denunciar as aportacións de diñeiro público ás liñas aéreas dende organismos locais e autonómicos. A organización indica que a reiteración destas axudas demostra que, lonxe de ser unha promoción puntual, as aeroliñas utilizan estes contratos para manter artificialmente operativas certas conexións.

Neste sentido, a investigación revela que, entre 2015 e 2022, unha vintena de aeroportos españoles beneficiáronse de máis de 60 millóns de euros en subvencións encubertas. No caso coruñés, o Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña concedeu dende 2019 máis de 10 millóns en subvencións a aeroliñas como Volotea, Binter, Iberia ou Vueling, a través de contratos de promoción turística e conectividade aérea. Greenpeace indica que a estes contratos súmase unha recente adxudicación (non incluída no informe) por un importe de 1,2 millóns a EasyJet para manter voos dende Alvedro a tres cidades europeas. Por outra banda, Greenpeace tamén cuestiona no informe a xustificación do turismo para outorgar ditas axudas. De feito, a Comisión Europea xa dictaminou a ilegalidade das axudas públicas indirectas ás compañías aéreas camufladas baixo contratos de promoción turística, pois distorsiona o principio de libre competencia fronte a outros medios de transporte.

Segundo Adrián Fernández, responsable da campaña de mobilidade de Greenpeace, a Xunta, as deputacións e os concellos galegos financian unha actividade nociva para o medio ambiente, como é o caso de aviación. Trátase de axudas que “baixo apariencia de contratos de promoción turística, teñen como finalidade real que as aeroliñas manteñan de forma artificial uns voos innecesarios”. Polo tanto, dende a organización pídese que se deteñan este tipo de axudas e se dediquen estes recursos a promover un modelo turístico que sexa compatible coa protección do clima e a contorna.

Ademais, o informe alerta da saturación de aeroportos que hai en Galicia, onde se concentran un total de tres en menos de 120 quilómetros e para 2,7 millóns de habitantes. Dous deles (A Coruña e Santiago) están separados por 60 quilómetros e están en “permanente competencia”. Esta situación súmase a ignorar a existencia do aeroporto de Oporto, que está absorbendo unha boa parte do tráfico aéreo que podería recibir Vigo. Neste sentido, o informe revela que a sostibilidade económica dos aeroportos galegos atópase comprometida por esta carencia de estratexia global.

O avión é o medio de transporte máis contaminante por persoa

A través da súa campaña de mobilidade, Greenpeace chama a atención sobre o impacto do sector aéreo nas emisións de CO2 e denuncia que en plena emerxencia climática as administracións continúen promovendo os viaxes en avión malia ser “o transporte máis contaminante por persoa transportada”. Así, a organización esixe á Unión Europea e aos estados membros unha prohibición dos voos curtos cando se poida ir en tren, unha medida que reduciría as emisións procedentes da aviación e evitaría a importación de queroseno dende Rusia nun momento de crise enerxética. Ademais, malia que as compañías aéreas expresaron a súa intención de alcanzar as emisións netas cero para o ano 2050, “apenas hai evidencia de que as grandes aeroliñas poidan aliñar os seus obxectivos cos do Acordo de París”.

Comparte esta noticia