A comunidade científica contra o proxecto de celulosa en Palas de Rei
A comunidade científica galega publicou un manifesto onde mostra a súa oposición ao macro proxecto de fábrica de Altri en Palas de Rei. Este manifesto ten como obxectivo demostrar que unha gran parte da comunidade científica está en desacordo e molesta co plan que a empresa Altri pretende implementar en Galicia, por representar unha ameaza significativa para o medio ambiente e a conservación da biodiversidade en todo o territorio galego. Tras analizar a situación e explorar o medio galego, indicaron que os principais motivos da súa oposición son a deterioración dos ecosistemas e a biodiversidade, a elevada sensibilidade ambiental da área, o grave impacto no río Ulla e o incremento de emisións e contaminación.
Varios profesores de botánica, ecoloxía e zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela iniciaron a creación deste manifesto, ao que se sumaron investigadores de diversas áreas de coñecemento das tres universidades galegas e do CSIC, que revisaron as primeiras versións e agregaron os seus comentarios ao mesmo.
Segundo declaran, “Galicia non debería basear a súa economía en industrias extractivas que implican unha profunda deterioración do patrimonio natural”, senón que avogan por enfocarse nunha xestión forestal máis sostible, diminuíndo gradualmente a superficie de eucalipto e fomentar a diversificación dos ecosistemas.
Cren que Galicia debe construír a súa economía de maneira similar á maioría dos países europeos, onde a restauración e recuperación ecolóxica (A Lei de Restauración da Natureza, aprobada polo Consello da Unión Europa o 17 de xuño de 2024) é un compoñente fundamental do progreso económico verdadeiramente sostible. Para iso propoñen a racionalización do uso forestal do eucalipto para conseguir recuperar os ecosistemas e a biodiversidade.
Entre os principais motivos de oposición destaca deterioración dos ecosistemas pola alta demanda de madeira de eucalipto. Tal e como explican, a competencia pola terra aumentará coa expansión das plantacións de eucalipto para alimentar a fábrica, o que podería “afectar á integridade dos hábitats naturais e desprazar ás especies autóctonas características do interior de Galicia”.
Do mesmo xeito, hai unha gran preocupación pola área onde se instalaría a fábrica pola súa alta sensibilidade ambiental. A zona de elixida limita coa Zona de Especial Conservación (ZEC) "Serra do Careón", un espazo protexido pola Rede Natura que contén unha variedade de especies de flora e fauna excepcionais que poderían verse gravemente afectadas polas actividades industriais. Segundo informan, a Xunta de Galicia incluíu a zona de afección directa nas súas propostas de 2008 e 2011 para ampliar a Rede Natura, a cal ten valores ambientais similares ou superiores aos das áreas que actualmente forman parte da ZEC.
Outro dos motivos de oposición é o impacto que sufrirá o rio Ulla, o cal terá unha afección no caudal e unha gran variación na “físico-química da auga” supoñendo “un cambio con potencial impacto sobre a calidade da auga e a biodiversidade asociada”, non só no momento de vertedura senón tamén ao longo de todo o río ata máis aló da súa desembocadura na ría de Arousa, “un delicadísimo ecosistema de fundamental importancia ambiental e socio-económica, así como a ZEC, ZEPA e o Humidal Ramsar do Complexo Intermareal Umia-Grove-Carreirón”.
E finalmente, o incremento de emisións e contaminación que emitirá a fábrica, “incluídos óxidos de xofre e nitróxeno, principais responsables da choiva aceda, en cantidades moi importantes, monóxido de carbono, dióxido de carbono (aínda que a súa emisión non se detalla no EIA da empresa) e material particulado”. Expoñen que estes contaminantes terán un impacto na biodiversidade e no clima e a saúde pública, ademais de afectar a calidade do aire local.
Manifesto completo aquí: https://www.usc.gal/gl/investigar-na-usc/grupos/bibici/manifesto