Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A comunidade científica advirte da situación crítica do CIAM e reclama un impulso á investigación agraria galega

Un grupo de profesionais, investigadores e persoas vinculadas ao sector primario vén de facer público un manifesto no que se alerta da situación “crítica” da investigación agraria en Galicia e, en particular, do progresivo deterioro do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), unha institución clave para o desenvolvemento do campo galego desde finais do século XIX.

O texto denuncia o que cualifica como un abandono institucional prolongado, marcado pola falta de investimento sostido e pola ausencia dunha planificación estratéxica a longo prazo por parte da Xunta de Galicia. Segundo o manifesto, esta situación está a comprometer seriamente a continuidade do CIAM, malia tratarse dun centro que conta con recursos, experiencia acumulada e un elevado potencial científico.

O CIAM, dependente da administración autonómica desde a súa transferencia en 1984, arrastra nos últimos anos unha decadencia progresiva sobre a que, segundo os asinantes, se advertiu reiteradamente sen obter resposta efectiva. Esta deriva contrasta, sinalan, co contexto xeral no que a ciencia e a investigación teñen gañado centralidade nas políticas públicas e co reforzo de centros semellantes noutras comunidades autónomas.

A institución de Mabegondo conta cunha longa traxectoria histórica. Fundada en 1888 como Granxa Escola Experimental de Galicia e Asturias en Monelos, integrouse en 1971 no Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA), trasladando entón a súa actividade ás actuais instalacións. Ao longo de case cento corenta anos, desenvolveu un labor continuado ao servizo do sector produtivo e da sociedade galega.

Entre as súas achegas máis destacadas figuran o desenvolvemento de sistemas produtivos máis eficientes e ambientalmente sostibles aplicados á gandaría de leite e á produción de carne con vacas nodrizas da raza Rubia Galega; a recuperación, caracterización e rexistro de variedades tradicionais de cereais de inverno e de cultivos hortícolas e froiteiros; o desenvolvemento de híbridos forraxeiros e de gran de millo; así como avances relevantes no diagnóstico e control de parasitoses en ruminantes. O centro tamén alberga e mantén un banco de xermoplasma considerado estratéxico para a conservación da diversidade agrícola galega.

O manifesto subliña a paradoxa de que, nun momento no que os gobernos incrementan o investimento en investigación, o futuro da investigación agraria en Galicia sexa cada vez máis incerto. “Sen investigación agraria non hai futuro para o campo galego”, advirte o texto, que vincula directamente a ciencia coa mellora xenética, a loita fronte a pragas e enfermidades, a innovación nos cultivos, a adaptación ao cambio climático, a autonomía alimentaria e mesmo a prevención de incendios forestais.

Compárase a situación do CIAM coa evolución doutras estruturas de investigación agraria no Estado. Mentres o centro homólogo do INIA en Madrid foi integrado no CSIC, en Cataluña consolidáronse institucións como o IRTA e o CREAF dentro da rede CERCA. En Euskadi creouse Neiker e, en Andalucía, o IFAPA, ambos con recoñecemento en ámbitos como a saúde do solo ou os sistemas de cultivo intensivo. Galicia, sinalan, quedou á marxe deste impulso.

O deterioro do CIAM é presentado non como un feito illado, senón como o síntoma dun abandono máis amplo e dunha falta de visión estratéxica que pon en risco un patrimonio científico e técnico que consideran irrecuperable se se perde. O centro dispón de rabaños experimentais, fincas dedicadas integramente á experimentación e laboratorios especializados que historicamente o situaron como referente na investigación agraria.

Segundo o manifesto, con unha dotación orzamentaria axeitada, persoal cualificado e un proxecto definido, o CIAM podería volver desempeñar un papel central na xeración de coñecemento, na innovación agraria, na conservación de recursos xenéticos e no apoio técnico ao sector primario galego, contribuíndo ao desenvolvemento rural e á seguridade alimentaria nun contexto global cada vez máis complexo.

Galicia Ambiental tamén amosa o seu apoio á iniciativa, sumándose á firma do manifesto ao considerar que o CIAM constitúe un centro fundamental para garantir os avances e o desenvolvemento do futuro agrario galego, tanto no ámbito da innovación como na sustentabilidade e na seguridade alimentaria.

Desde os promotores do texto faise un chamamento á comunidade científica, ás administracións públicas e aos axentes implicados no sector para que teñan en consideración a situación do CIAM e actúen para garantir a súa continuidade.

Deixámosvos o enlace para quen queira apoiar e asinar o manifesto: https://docs.google.com/forms/...

Comparte esta noticia