A Comisión Europea confirma que enviou unha “carta de emprazamento” polo déficit de conservación das Fragas do Eume
Unhas das maiores xoias naturais de Galicia, as Fragas do Eume, segue sen contar cun plan rector vinte anos despois de que se declarase parque natural. O goberno da Xunta de Galicia aprobaba en 1997 o decreto da súa declaración como parque natural e estipulaba que ese plan, tería que estar realizado nun prazo de dous anos. Sen embargo, dúas décadas despois nin está redactado nin aprobado, unha situación que provoca o malestar entre os propietarios, colectivos, asociación e organizacións medioambientais e ecoloxistas por esta demora.
Durante este tempo, as Fragas do Eume sufriu graves incendios forestais, como os de 2012, e mesmo hai uns días a Xunta declaraba o estado de emerxencia pola turbidez das augas do Eume, o que provocou o corte de suministro de auga para a poboación. O caso das Fragas segue a demostrar a deixadez do goberno galego, que segue sen aprobar os plans de xestión específicos dos parques integrados na Rede Natura, e polo cal se abriu no seu momento un procedemento de infracción, que ata o de agora, non se traduciu en actuacións para correxir esta situación.
O caso das Fragas do Eume foi trasladado á Comisión Europea, que confirmou que o pasado 2 de xullo de 2020, a Comisión enviou unha carta de emprazamento complementaria, instando a España a completar o proceso de designación da ZEC (Zona Especial de Conservación), así como tamén para que adoptase uns “obxectivos de conservación detallados e específicos para cada sitio, así como medidas a todas as zonas ZEC”, nas que tamén estaba incuído o caso do parque natural das Fragas do Eume, na que a Xunta é a administración responsable de realizalo.
Amais a Comisión Europea, lembra que xa no 2015 iniciara un proceso de infracción por incumprimento destas obrigas recollidas nos artigos 4 (apartado 4) e 6 (apartado 1), da Directiva sobre os hábitats, e que estaba dirixida á maioría das comunidades autónomas, inclusive Galicia.