A anguía en Galicia sofre as consecuencias das actividades humanas
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) participou recentemente no rescate e solta ao medio natural de anguías. Ademais, declarou que a anguía europea é unha especie que ata fai unhas décadas era altamente abundante nos ríos españois e europeos. Porén, a sobrepesca, a perda da conectividade fluvial (construción de encoros e obstáculos que impiden que complete o seu ciclo migratorio nos ríos e no mar dos Sagarzos), a introdución de especies invasoras e a contaminación fluvial levaron a esta especie a unha situación límite. A súa situación é tan preocupante que a Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN) calificouna en 2013 como “en perigo crítico” de extinción. Dende o 2010, a nivel da Unión Europea e no marco do Convenio CITES, estableceuse un cupo de exportación cero: ningunha anguía pode ser exportada fóra da Unión Europea. O tráfico ilegal de anguías é un negocio millonario no que participan redes espcializadas en sacalas clandestinamente da UE, fundamentalmente con destino aos mercados asiáticos para a súa posterior venda, o que contribúe á súa extinción.
Galicia non é allea á situación, xa que ata a década dos setenta a anguía era tamén un peixe moi común nos ríos galegos. A construción dos grandes encoros nos ríos a partir desa época marcou un antes e un despois no ciclo vital da especie, xa que os muros de hormigón destas construcións fan que as pequenas anguías topen contra eles e morran. No caso das anguías adultas, ao descender ata o mar, pasan polas turbinas dos encoros e tamén morren no proceso. O esteiro do río Miño é unha das localizacións de anguías que mantén certa importancia en España, aínda que o seu estado de conservación é preocupante, polo que foi catalogada como unha especie vulnerable no tramo internacional do río. Un dos problemas aos que se enfronta este peixe é á súa pesca descontrolada debido ao seu alto valor comercial, ademais da contaminación por vertidos de depuradoras e efluentes domésticos e industriais. Pola súa parte, tamén preocupa o encoro de Frieira, construído en 1970 para uso hidroeléctrico e que limita a zona de acceso da anguía ao tramo internacional do río Miño e dos seus afluentes.
Fernando Cobo, profesor do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física na Facultade de Bioloxía (USC), explica que a pesca recreativa da anguía foi prohibida en 2009, pero a pesca do meixón aínda está autorizada no tramo internacional do Miño, e existen importantes pesqueiras de anguías amarelas e prateadas nas zonas de esteiro de varias rías. “A situación parece ser crítica en tódalas bacías galegas, pero a do Miño-Sil é a máis afectada pola redución do hábitat e pola explotación comercial do meixón”, engade.
En canto ás causas da situación da especie, Cobo afirma que a anguía sofre un amplo abano de agresións por actividades humanas: restrición das vías de migración mediante a construción de todo tipo de barreiras físicas, redución do caudal dos ríos, contaminación xeneralizada das augas (tanto as mariñas como as de esteiro ou auga doce), sobreexplotación pesqueira ou alteración dos sedimentos. Polo tanto, as principais ameazas para esta especie son os cambios no medio mariño e nas correntes oceánicas por mor do cambio climático. En canto ao medio doceacuícola, destaca a perda de hábitat pola existencia de barreiras artificiais, a contaminación, as enfermidades parasitarias e a sobrepesca.
Fernando Cobo tamén recoñece que no Miño, pola existencia da presa da Frieira que imposibilita o remonte, o tramo actual accesible para as anguías reduciuse nun 72.3% en termos de superficie con respecto á totalidade do río. “Isto agrávase polo feito de que, a entrada de meixóns procedentes do mar, a pesar da redución observada nos stocks de chegada, segue sendo moi alta, porque os meixóns entran en cantidade proporcional ao caudal de auga doce que detectan na desembocadura”, advirte. Ademais, engade que, como consecuencia, “prodúcese unha sobresaturación nesta parte final do río que conduce, por unha banda, á acumulación de anguías pigmentadas a pé da presa que morren nunha porcentaxe moi elevada, e pola outra, este incremento da densidade de exemplares augas abaixo da presa, desequilibra artificialmente a relación de sexos a favor dos machos nesa zona”.