Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


2.248 sinaturas contra a planta de biometano en Agolada sitúan o proxecto no centro do debate comarcal

A plataforma cidadá Stop Biometano Deza, coa colaboración de Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, rexistrou esta semana un total de 2.248 sinaturas en contra da planta de biometano proxectada no municipio de Agolada. O proxecto está promovido polo fondo de investimento MAPFRE Energías Renovables II FCR e atópase actualmente en fase de tramitación administrativa. O número de apoios recollidos aproxímase ao censo poboacional do propio municipio, o que, segundo os portavoces da plataforma, evidencia unha “contestación social significativa” ante a posible implantación desta industria na zona.

No escrito presentado ante as administracións competentes, as persoas asinantes formulan dúas peticións concretas. En primeiro lugar, solicitan á Xunta de Galicia que non outorgue respaldo político ao proxecto nin o declare de utilidade pública, proxecto industrial estratéxico (PIE) nin proxecto de interese autonómico (PIA). Argumentan que, se ben algunhas destas figuras son potestades regradas, existe marxe técnico e discrecional suficiente para non aplicalas neste caso.

En segundo termo, instan ao Concello de Agolada a executar o acordo plenario adoptado o pasado 9 de decembro, polo que se aprobou a suspensión temporal de licenzas, autorizacións e declaracións responsables relativas a plantas de biometano. O obxectivo desta suspensión é abordar unha modificación das normas subsidiarias municipais que permita regular de forma máis restritiva a implantación deste tipo de instalacións.

Segundo a información trasladada pola plataforma, os promotores terían solicitado informes de compatibilidade urbanística para dúas posibles localizacións dentro do termo municipal: Amance e Basadroa. En ambos os casos, a distancia aos núcleos de poboación máis próximos sería de aproximadamente 500 metros. Lembran que o Decreto 2414/1961, que regulaba actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, fixaba xa en 1961 unha distancia mínima de 2 quilómetros respecto dos núcleos habitados. Así mesmo, citan informes técnicos doutras comunidades autónomas que consideran insuficiente esa separación para determinadas instalacións vinculadas ao tratamento de residuos orgánicos.

O debate prodúcese nun contexto de expansión do sector do biometano en España, impulsado polos obxectivos de descarbonización e transición enerxética. Porén, colectivos críticos sosteñen que este modelo non resolve de raíz os problemas estruturais do sector agrario, especialmente no relativo á xestión de xurros e outros subprodutos gandeiros.

Na comarca do Deza, e particularmente no municipio de Agolada, existe unha elevada concentración de explotacións de porcino e de vacún de leite e carne. O crecemento das granxas porcinas nos últimos anos foi notable, en ocasións sen dispoñer de superficie agraria suficiente vinculada para a aplicación dos xurros como fertilizante. Esta circunstancia, advirten diversas voces do ámbito agrario e ambiental, transforma o que tradicionalmente era un recurso agronómico nun residuo cuxa xestión presenta dificultades técnicas e económicas.

A industria do biometano preséntase como unha vía de valorización destes subprodutos mediante dixestión anaerobia para a produción de gas renovable. Non obstante, sectores críticos sinalan que as plantas requiren un volume constante e elevado de materia orgánica, o que pode incentivar a intensificación gandeira e xerar impactos asociados ao transporte, cheiros e emisións difusas.

A controversia incorpora tamén unha dimensión socioeconómica. Tal e como recolle a propia documentación corporativa de MAPFRE sobre a súa estratexia en biometano, este tipo de instalacións xeran un número reducido de empregos directos. No caso concreto de Agolada, os promotores estiman tres postos de traballo directos.

Fronte a isto, a plataforma advirte de posibles efectos negativos sobre iniciativas turísticas e hostaleiras situadas na contorna das localizacións propostas. Entre elas mencionan o Pazo de Eidián, edificio histórico do século XVI destinado a eventos e aloxamento, así como o proxecto de turismo de natureza “Las Perseidas de Traspenas”, con capacidade para decenas de visitantes.

O debate coincide ademais cun fenómeno emerxente na denominada Terra do Medio, onde se observa un crecente interese residencial por parte de persoas procedentes doutros puntos de España e de Europa. Nos últimos meses, varias vivendas en venda na zona foron visitadas e/ou adquiridas por novos residentes atraídos pola contorna rural, a paisaxe e a tranquilidade.

Neste contexto, a decisión final da Xunta de Galicia e dos gobernos municipais da comarca do Deza marcará o rumbo do territorio nos vindeiros anos: se se consolida como polo de atracción de investimentos industriais vinculados ao tratamento intensivo de residuos gandeiros ou se reforza o seu perfil como espazo rural orientado á calidade de vida, á actividade agro-gandeira sostible e ao desenvolvemento turístico.

A Comarca de Deza parece converterse agora mesmo nun dos máis ansiados, destinos de investimentos para a creación de plantas de biometano, primeiro pola súa localización xeográfica, pero, sobre todo, pola altísima densidade de granxas de porcino e explotacións de vacún de leite e carne existentes nesta comarca. O caso das explotacións de porcino, estas creceron desmesuradamente, a pesar de que moitas non contan con territorios asociados para a aplicación dos detritos como fertilizante, o cal sitúa o problema na xeración dun residuo en lugar dun recurso fertilizante.

Comparte esta noticia