Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Galicia, ameazada polas especies invasoras: o caso de Helicrisum petiolare

Galicia enfróntase unha vez máis ao problema das especies invasoras, un desastre medioambiental que pon en perigo os nosos ecosistemas. Un recente exemplo é Helicrisum petiolare (coñecida popularmente como planta de regaliz ou sempreviva), unha planta da familia das asteráceas, orixinaria de Sudáfrica. Trátase de pequenos arbustos que non superan o medio metro de altura, formado por follas de cor gris e textura aterciopelada. Producen pequenas flores reunidas en grupos que sobresaen da planta, mais non teñen interese ornamental e adoitan eliminarse. Segundo a Xunta de Galicia, esta especie chegou á comunidade galega como planta ornamental, pero aclimatouse con tanto éxito que forma matas que afogan a vexetación autóctona.

Perigos e expansión

Segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica, unha especie exótica invasora é “aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou semi-natural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, ben sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”. Este tipo de especies poden chegar tanto de xeito accidental como intencionado, tendo como consecuencia que moitas das especies locais non poden competir coas exóticas invasoras, provocando incluso a súa desaparición. As especies invasoras tamén teñen fortes impactos na economía, como é o caso da agricultura.

Ademais, este tipo de plantas poden destruír habitats e ecosistemas nativos, intensifican a erosión, desprazan especies autóctonas, transmiten enfermidades infecciosas e aumentan a perda ou extinción das especies locais, entre outros efectos. Cabe destacar que Helicrisum petiolare leva presente dende hai bastante tempo, mais segue a estenderse considerablemente e causa un forte impacto medioambiental e visual. Trátase dun problema que va a máis, ao igual que o caso da Cortaderia selloana.

O grupo naturalista Hábitat xa alertou hai meses de que a planta estaba comezando a conolizar a contorna da Torre de Hércules, polo que reclamaba eliminar os primeiros brotes antes da súa expansión. Posteriormente, asociacións ecoloxistas como Verdegaia advertiron da seria ameaza que supón a expansión da especie, integrándose principalmente en diferentes hábitats dos municipios de Ares, Ferrol, Narón, Valdoviño e Cedeira. Polo tanto, pediuse a creación dun regulamento específico para Galicia que prohíba a importación, cultivo, reprodución e venda deste tipo de especies. Segundo a Consellería de Medio Ambiente, a Helicrisum petiolare é unha planta “problemática”, xa que as zonas na que se naturaliza convértese na especie dominante. Polo tanto, a súa expansión é impredecible.

 

ADEGA e o Concello de Narón advirten da invasión da especie na Costa Ártabra

ADEGA-Ferrolterra, xunto co Concello de Narón, veñen de denunciar por medio do seu concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, a “expansión descontrolada” que está experimentando a especie Helicrisum petiolare, unha planta exótica invasora na Costa Ártabra, no municipio de Narón. Tanto a asociación ecoloxista como o concello de Narón denuncian a situación de abandono que sofre a ZEC Costa Ártabra por parte da Xunta de Galicia e lembran que este espazo natural forma parte da Rede Natura 2000. Ademais, solicitan á Conselleria de Medio Ambiente da Xunta que faga un estudo de control e erradicación desta planta invasora para mitigar o seu impacto sobre os hábitats e especies vexetais e animais protexidas nesta Zona de Especial Conservación.

Analizadas as datas dos rexistros, suxírese que a especie está a estenderse cara o sur e oeste desde “un punto focal situado probablemente na ría de Ferrol, colonizando secuencialmente a Costa de Ares, o litoral de Oleiros, as toxeiras do monte de San Pedro na Coruña e a contorna de punta Lagosteira en Arteixo”. Por outra banda, o límite oeste para esta invasora semella actualmente o monte Barbeito (Arteixo). Ademais, “é previsible que, de seguir este ritmo, acabe chegando a outros puntos da costa de Bergantiños con hábitats similares aos das localidades antes mencionadas”.

ADEGA indica que a expansión cara ao norte “tamén semella un feito á vista dos datos das plataformas de ciencia cidadá e dos arriba achegados por ADEGA-Ferrolterra e o Concello de Narón”. Así, a costa de Ferrol, Valdoviño, Narón e Cedeira semellan afectadas pola especie. Deste xeito, a asociación anima ás persoas que teñan rexistros da especie a que os suba a calquera plataforma de ciencia cidadá ou as comunique directamente a ADEGA e/ou á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Segundo ADEGA, nun contexto no que o cambio climático avanza a grandes pasos, “cada vez aterran no noso territorio máis novas especies alóctonas que supoñen un grave perigo para as especies autóctonas, xa que, son máis fráxiles e teñen menor capacidade de adaptación para facer fronte a estas novas habitantes”.

Comparte esta noticia