Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA e o FDXCC presentan recursos contencioso-administrativos contra tres parques eólicos de Greenalia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), en representación de todas as entidades promotoras do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC) veñen de presentar tres recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a aprobación por parte da Xunta de parques eólicos promovidos por Greenalia, a empresa da ex-Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

 

O financiamento dos tres procesos xudiciais farase con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e das súas entidades promotoras (ADEGA, SGO, PDCC, a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos). ADEGA indica que se trata das primeiras iniciativas xudiciais relativas a proxectos concretos que se promoven a través deste Fondo, recadado a través de micromecenado, que conqueriu reunir máis de 49.000€ nun tempo récord. Ademais, tamén serían os primeiros recursos contencioso-administrativos con cargo ao FDXCC que se impulsan en Galicia.

 

Os parques eólicos recorridos en contencioso son os denominados “Campelo”, “Bustelo” e “Monte Toural” que afectan os concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Sitúanse todos nunha mesma área xeográfica, arredor da Lagoa de Alcaián. O Consello da Xunta de Galicia declarou aos tres en maio de 2018 como “proxectos de interese especial«. Esta categoría, recollida na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución.

 

Para a asociación ecoloxista, un dos principais argumentos xurídicos que fundamentan a presentación destes recursos contencioso-administrativos é “a existencia dunha clara fragmentación artificiosa dunha única instalación ou central eólica despezada en tres proxectos para non superaren individualmente os 50 MW e seren tramitados pola Xunta, beneficiándose do procedemento exprés e das prebendas lexislativas aprobadas por Núñez Feijóo”. Así, ADEGA indica que se trata dunha “manobra fraudulenta” da que a Xunta é cómplice e que prexudica o interese público e mesmo os intereses particulares.

 

Ademais da fragmentación artificial, ADEGA destaca que as tres instalacións promovidas por Greenalia sitúanse sobre unha área proposta en 2008 e 2011 para incorporarse á Rede Natura 2000, “que acubilla ademais endemismos botánicos únicos”. Trátase da Centaurea ultreiae Silva Pando, planta catalogada “en perigo crítico de extinción” e cuxa única poboación mundial se compón de 6.821 individuos, todos nuns 10 quilómetros cadrados sobre os que a Xunta ven de autorizar estes parques eólicos.

 

Cabe destacar que a Consellería de Medio Ambiente coñecía a presenza destes endemismos através do «Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)», documento elaborado en 2010 para a protección destas especies, e que doce anos despois a Xunta aínda non aprobou. ADEGA advirte que “a empresa eólica, sendo aínda conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, puido acceder a este e a outros documentos técnicos non públicos, para poder afinar máis os seus proxectos”.

 

ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica agardan que o TSXG tome en consideración estes recursos e aplique a súa propia recente xurisprudencia para anular as autorizacións da Xunta. Tamén agardan que estes recursos “sirvan de precedente na defensa dos espazos que foron propostos como parte da Rede Natura 2000 ou daqueles outros que acubillen singularidades ambientais de especial relevancia como endemismos ou especies en perigo de extinción que se verían gravemente afectadas pola implantación destes macroproxectos eólicos”.

Comparte esta noticia