Saltear al contenido principal
Toneladas De Residuos E Escombros Seguen A Verterse Sen Tratamento En O Carqueixo (Lugo) Mentres A Investigación Do Caso Continúa Estancada

Toneladas de residuos e escombros seguen a verterse sen tratamento en O Carqueixo (Lugo) mentres a investigación do caso continúa estancada

A Asociación Galicia Ambiental ven de sumarse ás denuncias presentadas por organizacións ambientais e asociacións profesionais de recicladores de residuos de construcción e demolición,  polos milleiros de toneladas de residuos que se seguen a verter sen ningún tipo de tratamento previo nin reciclado no antigo oco mineiro de Bóveda, en Lugo, malia que a empresa xestora conta xa con varios expedientes sancionadores e unha investigación no xulgado  nº 1 da cidade das murallas.

Na actualidade e durante o confinamento pola Covid-19, a empresa que utilizan parte dos asociados de APEC  – Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción e outras empresas e particulares, mantivo a actividade de soterramento amparada na autorización expedida pola Xunta de Galicia de “planta de reciclaxe e trasferencia de RCDs”, resgardada na declaración como actividade esencial durante o confinamento,  pero que en realidade dita planta non existe.

Máis dun lustro de denuncias, expedientes sancionadores e investigacións aprazadas

Logo de que varias organizacións ambientais e asociacións profesionais recicladoras de RCDs denunciases a actividade real que se está levando a cabo neste antigo oco mineiro, a última fai un ano dende a Asociación Arcodega (Asociación Profesional de Recicladores de Residuos de Construcción e Demolición de Galicia) levou o caso ante a Fiscalía por presunto delito ambiental da empresa xestora. A pesar de que aportaban probas de que se estaban vertendo toneladas de escombros sen tratar, a Fiscalía inhibiuse en favor no xulgado local número 1, que por mor  de diversas razóns como cambios de titular, mantivo a investigación do caso repetidamente aprazada e finalmente sobreseído provisionalmente o caso, dende este mesmo mes, por non apreciar responsabilidades penais.

Logo de anos de sucesivas denuncias e a apertura de varios expedientes sancionadores, na acualidade seguen a manter a actividade de recheo ilegal da antiga canteira con toneladas de escombros e residuos industriais de todo tipo. Unha actividade enmascarada baixo unha autorización dunha inexistente planta de reciclaxe de RCDs que a Xunta retirou e volveu a conceder, malia constatar a ausencia da citada instalación de reciclaxe e comprobar que sí fai de vertedoiro carecendo de autorizaciuón SIRGA  para elo.

Nin tratamento de residuos nin recuperación ambiental dun espazo mineiro

O de Lugo, é un dos catro grandes vertedoiro industriais ilegais comerciais que existen en Galicia, e que ademais opera baixo o amparo dunha autorización administrativa como planta de reciclaxe que é inexistente.

A pesar de carecer de autorización de xestor, esta empresa mantén a súa actividade ata o día de hoxe, recepcionando e soterrando decenas de cargas de escombros diarias e toneladas de residuos industriais de todo tipo. De feito, a única actividade e a cal se pode comprobar no terreo no que opera, é o de recheo  dun antigo oco mineiro, que habitualmente se inunda, con residuos de todo tipo sen que estes pasasen por ningún tipo de tratamento ou xestionados para a súa reciclaxe.

Na actualidade e tamén durante o confinamento pola pandemia sanitaria, son varios os camións que a diario depositan toneladas de escombros cara a ladeira da lagoa de Carqueixo sen facer selección dos residuos verquidos. Ademais, son varias as paleadoras que rematan botandos os residuos para logo seren tapados por terras procedentes dunha excavación anexa.

Unha situación e formas de proceder que distan moito de responder ás garantías dunha planta de tratamento autorizada para recuperar este espazo mineiro. É máis, neste caso tan só se limita a enterrar os residuos a escasa distancia dunha lagoa na que os lixiviados poderían parar directamente, xa que non existe ningún tipo de aislamento do solo no que se depositan os residuos.

Autorización para xestionar residuos

A dita empresa, no 2005 concedéuselle pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a autorización para xestionar os residuos consistentes na valorización de escombros procedentes de construcción e demolición nas instalacións próximas á parcela de Ceao e na canteira do Concello de Lugo. Este permiso tiña data de caducidade cunha validez de 5 anos, prorrogables por outros 5, sempre e cando pasaran os informes da Xunta favorablemente. Dende o traslado da actividad ao oco mineiro de Santa María de Bóveda a única “xestión” por parte da empresa foi a de verquido e soterramento con terras.

Segundo consta no Sistema de Información de Residuos de Galicia, SIRGA, a empresa presenta dúas autorizacións. Unha de almacenamento e tratamento, na que todos os LER (Lista Europea de Residuos) só poden almacenarse e debe xustificar todos os quilos que reciba por tipoloxía coa correspondente saída a centro xestor autorizado. E a segunda autorización coa que conta é a de valorización e tratamento de RCDs coa que debe xustificar o reciclado e recuperación doutras materias inorgánicas, así como a xeración de áridos.

Con todo, o que se pode apreciar neste caso de Lugo é unha gran cantidade acopiada do seu rexeite, amoreado (para o cal non ten licitación) sen que os residuos pasen por ningún proceso de tratamento. A empresa conta con permiso para planta de reciclaxe de RCDs, pero que en realidade non existe, pero sen embargo non de vertedoiro, que nun principio parece que é o realizan. Precisamente, co pretexto desta autorización para valorizar e cos plans de restauración ambiental fánse enterramentos masivos de escombros sen ningún tipo de tratamento de reciclaxe. O propio Plan de Restauración, no que se amparan, só lles autoriza a empregar inertes de RCDs limpos, que como se pode comprobar en O Carqueixo, estáse a facer con residuos sen ningún tipo de tratamento.

Volver arriba