Saltear al contenido principal
Piden A Medio Rural O Peche Das Granxas De Visón Americano

Piden a Medio Rural o peche das granxas de visón americano

O incremento de brotes de coronavirus en case 400 granxas de visión americano en polo menos dez países de todo o mundo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e WWF, alertan da vulnerabilidade de Galicia, por ser a comunidade autónoma con máis granxas peleteiras de toda España.

Na actualidade, a comunidade galega conta con 26 granxas, o que representa preto do 80 % do total do país. Ante estes datos, as dúas organizacións pídenlle á Xunta de Galicia que actúe “de forma preventiva, mediante a vixilancia activa das granxas para detectar posibles brotes”, así como tamén piden o peche definitivo das mesmas. 

 

A falta de control non permite detectar a tempo brotes de COVID

ADEGA e WWF veñen de enviar unha carta ao Conselleiro de Medio Rural, Xosé González Vázquez, principal responsable na Xunta de Galiza “da falta de control que existe nas 26 granxas de visóns americanas da comunidade”, explican que esta circunstancia pode provocar que non se detecten a tempo bortes e mutacións do SARS CoV-2.

Recordan amais, o acontecido en granxas de Dinamarca, onde tiveron que ser sacrificados 17 millóns de visóns americanos. As dúas organización indican que é preciso instaurar “sistemas de controis exhaustivos e que se pechen de inmediato e definitivamente estas explotación” e evitar así o sucedido no país danés.

 

Os riscos segundo a comunidade científica internacional

Expertos da comunidade científica internacional, como o Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), recoñecen o risco que representan as granxas de visóns americanas como reservorio do coronavirus, debido á posibilidade de contaxio para os humanos e mutacións, aínda así son necesarias máis investigacións para avaliar plenamente o alcance e o impacto destes novos descubrimentos.

As recomendacións da comunidade científica, na que tamén se atopa a Organización Mundial da Saúde (OMS), é a “implantación urxente de sistemas de vixilancia proactivos”. Isto é, a toma de mostras sistemáticas de animais e humanos con e sen síntomas compatibles, a secuenciación do xenoma SARS-CoV-2 en caso de que aparezan brotes na contorna da granxa e a comunicación de información. “A vixilancia preventiva é esencial e grazas a ela detectáronse novos casos en Suecia, Grecia, Polonia, Francia, Italia e Lituania, ademais dos xa coñecidos nos Países Baixos, Dinamarca, Estados Unidos e España (Aragón)”, indican.

Ante as recomendación e advertencias da comunidade científica internacional, ADEGA e WWF lamentan que na nosa comunidade fíxose “un seguimento pasivo, cando existen sospeitas de posibles casos, tendo realizado análises só en 4 das 26 granxas de visóns en funcionamento”. Feito que foi recoñecido pola propia Xunta de Galicia nunha solicitude de información que ADEGA lle fixo chegar, e demostra así, que tanto na comunidade galega como no resto de España se “está a subestimar os riscos que poden representar para a saúde estas explotacións”.

Ademais, nas últimas semanas, a Axencia danesa de Saúde Pública proporcionou novas evidencias de que o virus se replica de forma moi eficiente e sufre mutuacións de forma máis rápida e frecuente nos visóns americanos criados en granxas e que ditas mutacións se poden transmitir posteriormente aos humanos, e de humanos a humanos como xa ocorreu en Dinamarca, onde se identificaron máis de 200 persoas infectadas coa mutación do virus procedente do visón.  “O feito de que algunhas das novas variantes do virus orixinado no visón xa circulen entre a poboación humana, sumouse ao risco de que poidan aparecer novas variantes máis virulentas ou que poidan comprometer a eficacia das vacinas actualmente en desenvolvemento”, explican.

 

 

Volver arriba