O Courel
O Courel, a montaña galega en estado puro
A Serra do Courel, unha das máis representativas e singulares de Galicia e declarada Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), atópase no extremo sur-oriental da provincia de Lugo e comprende os concellos de As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, Triacastela, O Incio, A Pobra do Brollón, Quiroga e Ribas de Sil.
Trátase da gran reserva verde de Galicia, onde o bosque autóctono pervive case sen que a man do home causase estragos sobre él (probablemente como consecuencia da actividad humana sostible desenvolvida polos seus habitantes, un exemplo claro de que non se pode entender a conservación sin os usos tradicionais e os habitantes dun territorio). Trátase dun conxunto de serra e vales, moitos deles case que inaccesibles, regados polo río Lor, onde conflúen unha gran variedade de especies animais (boa parte das que se poden atopar en Galicia, a excepción das propias de zonas litorais) e vexetais, con exemplares de vexetación atlántica e submediterránea.
As fragas, as devesas, os soutos e o monte baixo predominan en moitas das zonas da Serra. Os carballos, os bidueiros, os castiñeiros ou as faias son algunhas das árbores máis representativas deste espazo natural. Neste apartado compre salientar a Devesa da Rogueira, que supón unha importante reserva botánica na que se contabilizan máis de 800 variedades nunha pequena extensión de 200 hectáreas de terreo. A Lagoa de Lucenza, que nalgúns veráns chega a secar, a Fonte do Cervo ou a Buraca das Choias son outros dos atractivos deste espazo natural ós que se pode chegar a través de diferentes roteiros de sendeirismo.
En canto ás especies animais que habitan na zona, o Courel conta cunha abondosa fauna de máis de 170 especies de vertebrados, entre as que compre destacar a presenza de lobos, corzos, raposos, xabarís, teixugos ou martas. Ademais, e debido á gran cantidade de simas e covas que hai neste terreo, existen unha gran variedade de colonias asociadas a estes recunchos.
Ver: a Aula da Natureza da parroquia de Moreda, no concello de Folgoso do Courel, é unha das nosas recomendacións. Está aberta dende a primavera ata comezos do outono e nos períodos de vacacións invernais e ofrece unha posibilidade única de coñecer a natureza do Courel. Ademais, existen varias posibilidades de achegarnos á vida na montaña lucense e ás súas xentes a través do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga e do Museo Etnográfico en Vilar, no concello de Folgoso do Courel. O Courel, principalmente este último concello mencionado, tamén nos ofrece a posibilidade de coñecer os poboados típicos da zona, xunto cos castros e muíños, moi representativos do lugar. Aínda que máis abundantes en Ancares, as pre-romanas Pallozas tamén forman parte da paisaxe destas terras, máis abundantes canto máis nos achegamos ó Cebreiro.
Chegar: A estrada LU- 651 atravesa O Courel de norte a sur, dende Pedrafita a Quiroga. Dende o norte, pódese acceder directamente dende a autovía A Coruña – Madrid. Tamén dende Sarria, pasando por Samos, utilizando a LU- 5601.
Comer: a castaña é a auténtica protagonista da gastronomía do Courel, á que se lle adica unha festa no mes de setembro. Tanto cocido como asado, ás veces como sustituto da pataca, ou como ingrediente principal dos postres, este froito seco convértese en alimento básico de moitos dos pratos típicos da Serra. O porco e todos os seu derivados son outro dos productos tradicionais da zona, que se poden degustar coas excelentes verduras e co seu rico pan en todos os restaurantes do lugar. O Queixo do Cebreiro, as filloas con mel, o roscón ou a tarta de castañas son algúns dos postres máis representativos do Courel.
Aloxamento: a nosa recomendación son as casas de turismo rural da zona, como as dos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. Ademais, existe no primeiro destes municipios un acampamento que ofrece a posibilidade de aloxarse en camping ou bungalows en plena natureza da Serra do Courel.