Illa de Ons
A Illa de Ons, mestura máxica de terra e mar
A Illa de Ons, que ten unhas dimensión de 470 ha. terrestres e 2.171 ha. mariñas, está situada fronte á boca da ría de Pontevedra e forma parte do arquipélago situado nas Rías Baixas, formado por Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, que no mes de xullo do ano 2002 foi declarado Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
Ons, pertencente ó concello pontevedrés de Bueu, conta ademais con outras figuras de protección como a de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ademais de estar declarada Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) xunto coa zona do Grove. Esta illa tamén foi recollida no inventario de áreas importantes para a flora ameazada española, realizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza no ano 2003, coa categoría de ‘Área Importante’.
O arquipélago de Ons está localizado a 4 km. de terra firme e está constituido polas illas de Ons (cunha altura máxima de 128 m) e Onza, ademais dos illotes Centolo e Freitosa. A costa acusa un acentuado contraste entre a ribeira oriental e a occidental, aberta ó Océano Atlántico, polo que é moi recortada e conta con destacados saíntes. Ademais, é un litoral moi acantilado no que se abren numerosas furnas (covas creadas pola acción do mar). Pola contra, a costa oriental é rectilínea e relativamente baixa, é onde se atopan as praias de Ons e onde se instalou a súa reducida poboación.
Os piñeiros, os toxos ou os eucaliptos son algunhas das especies vexetais máis comúns en todo o territorio de Ons. Nas prais e entre as rochas abundan outras especies como o Chritmum maritimum (fiuncho de mar), o Eryngium maritimum (cardo mariño) ou a Armeria pubigera (máis coñecida como Herba de namorar).
Pola súa situación, esta illa conforma un hábitat cunha rica ornitofauna, ademais de ser lugar de cría e parada de numerosas aves migratorias. O corvo mariño cristado, a gaivota arxéntea, a pomba das rochas, o furabuchos atlántico, o mascato, o andoriñón real ou o lagarteiro son algún dos exemplares que se poden atopar nesta parte do Parque Nacional galego. En canto ós mamíferos, abondan os coellos e perdices e o lagarto arnal é un dos reptis con maior presenza na illa. Ademais, conta cunha enorme riqueza mariña e moitas veces achéganse ata as súas costas mamíferos como os delfíns ou os arroaces.
Ver: Dende o Alto do Cucorno, onde se atopa o Faro de Ons, pódese contemplar unha magnífica perspectiva de todo o conxunto de illas que constitúen o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais, nesta illa están os acantilados de cría de aves mariñas que nos permitirán observar en primeira persoa numerosas especies de paxaros difíciles de atopar noutros lugares da comunidade. As súas fermosas praias, como a de Melide ou a de Area dos Cans son outro dos seus maiores atractivos.
Moi recomendable é tamén a visita á «Laxe do Crego», un antigo sepulcro accesible dende a praia de Area dos Cans, só coa marea baixa. A antiga aldea celta de Castro do Alto é o outro dos reclamos deste fermoso espazo natural, ó igual que o espectacular Burato do Inferno, situado nos acantalidos das ladeiras de O Alto, na parte sur da illa. Trátase dunha perigosa greta que descende verticalmente ata o mar e á que se pode entrar en barca pola parte de abaixo. Está cargada de lendas e supersticións, moi abundantes en torno a toda a illa.
Chegar: Durante o período vacacional de Semana Santa e nos meses de verán hai servizo regular de transporte marítimo de pasaxeiros á illa de Ons dende as localidades pontevedresas de Portonovo, Sanxenxo, Bueu e Marín.
Comer: os peixes e o marisco, recollidos nas augas que rodean á Illa de Ons son a maior representación da gastronomía da zona. Na mesma illa existen restaurantes que fan destes manxares do mar o principal atractivo das súas cartas, nas que destacan productos como o polbo, prato típico de Ons, tanto en caldeirada como “á feira”.
Aloxamento: a illa conta cunha zona de acampada que está xestionada polo propio Parque das Illas Atlánticas e que está aberto durante as vacacións de Semana Santa e na época estival. Ademais, os mesmos restaurantes ubicados na illa ofrecen tamén servizo de aloxamento que debido á crecente afluencia de visitantes nos últimos anos tamén veu incrementado as súas tarifas.
Créditos: