Voluntariado de ADEGA restaura unha zona queimada no monte do Sexo, en Agolada
Un grupo de voluntariado, composto por vinte persoas, convocado pola asociación ecoloxista ADEGA, participaron os días 6 e 7 de decembro nun voluntariado ambiental destinado a apoiar as labores de restauración nos montes afectados polos incendios forestais de Agolada. As actuacións concentráronse nos arredores da aldea do Sexo, xunto ao rego e á fervenza da Baíña, unha contorna especialmente castigada polo lume do pasado verán.
As brigadas voluntarias centraron o groso do traballo na aplicación de técnicas para mitigar a erosión post-incendio. Durante a primeira xornada, o grupo espallou palla nunha superficie próxima á hectárea, co obxectivo de protexer o solo e reducir o arrastre de cinzas, favorecendo así a retención de humidade e a futura recuperación da vexetación autóctona. Ademais, construíron cinco faxinas ao carón dun curso de auga que desemboca no rego da Baíña. Estas estruturas, deseñadas para reter sedimentos e limitar as escorrentas, contribúen a estabilizar as ladeiras máis danadas.
A zona na que se interveu forma parte das cerca de 500 hectáreas que arderon no municipio, un espazo que incluía masa forestal autóctona, bosque de ribeira e amplas áreas de matogueira. Parte do territorio afectado está incluído na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 destinada a conectar a Serra do Careón co Sobreiral do Arnego, o que engade relevancia ecolóxica e paisaxística ao labor de recuperación.
A actividade comezou o sábado ás 10:00 horas coa chegada do voluntariado ao local da antiga escola unitaria de Santiso, cedida polo Concello para a pernocta. O grupo desenvolveu durante a mañá as tarefas programadas no monte. Xa na tarde do sábado, a meteoroloxía obrigou a suspender o traballo exterior. En substitución, ADEGA organizou unha sesión formativa e de sensibilización mediante un xogo de rol centrado na prevención e xestión dos incendios forestais. A dinámica procurou ofrecer unha visión integral sobre as causas estruturais dos lumes, o impacto ecolóxico que deixan tras de si e os retos na planificación forestal e na ordenación do territorio.
O domingo retomáronse os labores no monte, desta vez centrados en abrir dous pequenos treitos dun camiño chamado a integrarse nun futuro roteiro interpretativo. Tamén se acondicionou unha área destinada á plantación de especies autóctonas que se realizará máis adiante en colaboración co CEIP da Agolada, co fin de implicar ao alumnado na recuperación ambiental. Durante a mañá, e paralelamente a estas accións, realizouse unha recollida de lixo que foi completada o luns pola veciñanza.
Tras o xantar dominical, o grupo puxo rumbo a un roteiro duns catro quilómetros guiado polo biólogo Iván Orois, percorrendo parte da contorna onde está proxectada a instalación da fábrica de celulosa de Altri. A visita centrouse no punto onde conflúen o rego da Baíña e o río Ulla, lugar no que, segundo a documentación do proxecto industrial, se producirían os vertidos da macrocelulosa, o que engadiu un elemento de reflexión sobre os riscos ambientais da futura implantación.
ADEGA trasladou o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este campo de voluntariado. A asociación recoñeceu a implicación do voluntariado e tamén a colaboración institucional do Concello de Santiso, ademais da hospitalidade da veciñanza do Sexo. A iniciativa, segundo ADEGA, non só procurou a recuperación dos espazos queimados, senón tamén a posta en valor da biodiversidade e dos elementos naturais singulares que caracterizan esta contorna, reforzando a idea de que a prevención, a restauración ecolóxica e a implicación social son piares fundamentais fronte ao avance dos grandes lumes.