Visto para sentenza o xuízo polas presuntas irregularidades urbanísticas en Barreiros
Remata o xuizo por prevaricación urbanística contra o alcalde, comisión de goberno e a arquitecta municipal do Concello de Barreiros
O colectivo ecoloxista Adega, que actuou como acusación particular, agarda que a resolución da causa non sente un mal precedente para o urbanismo galego
15-11-2018
Logo de 5 días de xuízo e de 11 anos de espera, quedaba visto para sentenza o xuízo penal por delito de prevaricación urbanística contra o Alcalde, Comisión de Goberno e Arquitecta Municipal do Concello de Barreiros (Lugo). A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que neste xuízo actuou como acusación particular, alerta dos graves problemas ambientais, de salubridade e de xustiza social que derivan de actuacións urbanísticas que, como a que se ten dado (e se segue dando) en Barreiros, só atende ao negocio especulativo de promotores e construtores. O colectivo reclama, ademais que esta sentenza non se converta nun mal precedente, de non se condenar ó alcalde de Barreiros.
O colectivo ecoloxista Adega recontrúe algúns dos fitos claves desta causa:
Antecedentes: Normas subsidiarias (NN.SS.) do 1994, cunha delimitación de solo que inclúe como solo urbano un solo de carácter totalmente rústico no que, con excepción dos terreos colindantes á estrada Nacional, carecía dos máis elementais servizos urbanísticos (abastecemento de auga, de subministro eléctrico, de saneamento, viarios urbanos, etc.), sen falar da mínima previsión de zonas verdes e de solo para equipamentos sociais, etc. Estas NN.SS., a xaneiro do 2006, vencido o prazo de adaptación que daba a Lei do Solo, non foran adaptadas nin á Lei do 2004 nin á anterior Lei do 1997 (nin sequera houbo intento algún por parte do Concello para a súa adaptación).
Aberración urbanística en 2006:
-Visados no Colexio de Arquitectos proxectos para máis de 6500 novas vivendas.
-Licenzas outorgadas a partir do 1/1/2006 (obrigatoriedade de cumprir a Lei do Solo en solo Urbano non consolidado): San Cosme: 713; San Pedro: 719; San Miguel: 1331; Reinante: 750. En total: 3513 novas vivendas.
Advertencias da APLU sobre a obrigatoriedade de cumprir coas esixencias da Lei do solo de Galicia en solo non consolidado:
– Solicitude por parte da APLU ao concello para a revisión dalgunhas das licenzas outorgadas;
– Interposición de contenciosos-administrativos por parte da Xunta ante a falta de resposta e de actuacións do Concello a respecto das revisións de licenza solicitadas pola APLU;
-Traslado a Fiscalía da situación das licenzas recorridas por se a actuación do Concello puidera ser constitutiva de delito de prevaricación urbanística.
Problemas ambientais, de salubridade e sociais derivados desta especulación urbanística
Para entender os graves problemas ambientais e de salubridade desta incontrolada actuación urbanística chega con citar que se está actuando:
-Sobre a zona da rasa do litoral sen atender a ningunha das medidas de protección do Litoral;
-Sobre zonas de Rede Natura ou próximas a Rede Natura sen que se tomen medidas para a protección da biodiversidade;
-E urbanizando un solo completamente rústico sen contar cos servizos mínimos de auga, luz, saneamento e comunicación e sen previsión de espazos reservados a zonas verdes e de solo para dotacións e equipamento social (garderías, polideportivos, zonas de ocio, etc.), sen obrigar aos promotores á cesión de solo e á equidistribución das cargas urbanísticas para o imprescindible desenvolvemento dos servizos e requirimentos urbanísticos.
Conclusións do xuízo oral
Para a existencia do delito de prevaricación urbanística necesítase un incumprimento doloso (a sabendas) da legalidade urbanística. Por parte da letrada de ADEGA e do Ministerio Fiscal alegouse:
-En relación ao equipo de Goberno: que non podía aceptarse o descoñecemento dos informes desfavorables da Secretaria (especialmente o Alcalde, que ademais é xefe de persoal) que figuran nos expedientes das licenzas denunciadas, por canto foron reiteradas as advertencias de ilegalidade da APLU, ratificadas polas primeiras sentenzas do Contencioso Administrativo.
-En relación á Arquitecta Municipal: que a Lei do solo é clara sobre as esixencias de servizos que ha de ter unha parcela para ter o carácter de solo urbano consolidado, e que non pode aceptarse que as parcelas das licenzas urbanísticas denunciadas estaban dotadas de todos os servizos urbanísticos cando ela, en moitos dos seus informes, aceptaba a existencia de fosas sépticas sen conexión á rede de saneamento ou obrigaba á realización previa de obras non menores para a conexión das vivendas con un punto de auga e luz.
Ademais, a propia actuación do Concello promovendo, primeiro, un Convenio cos promotores para o abastecemento de auga e figurando no 2010 como copromotor dun Convenio Sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no termo municipal de Barreiros, no que se expoñen con exhaustivo detalle as deficiencias destes servizos no Concello de Barreiros.
E, por suposto, sen que o Concello poda alegar descoñecemento dos escritos de BEGASA advertindo da falta de capacidade para (naquel momento) dar suministro eléctrico a toda a poboación prevista. Por parte da defensa dos membros do equipo de Goberno tratouse de facer ver que non había incumprimento doloso da legalidade urbanística, porque as licenzas urbanísticas outorgadas contaban cos informes favorables da Secretaria Municipal (informe xurídico) e da arquitecta municipal (informe técnico), culpando á ex-Secretaria Municipal de mentir e de falsear actas e informes. Por parte da Defensa da Arquitecta Municipal, tratou de facer ver que os seus informes técnicos atendían á legalidade urbanística vixente, que só se trataba dunha interpretación diferente da normativa en relación ao que se debe de entender por solo urbano non consolidado.
A repercusión da sentenza
ADEGA solicita a inhabilitación para todos os cargos públicos acusados e pena de prisión de 1 ano por cada un dos delitos imputados, con anulación das correspondentes licenzas urbanísticas. Agarda que o fallo do tribunal condene a todos os imputados/as, cando menos, do máximo responsable municipal, do Alcalde Alfonso Fuente Parga, que segundo a propia declaración no xuízo oral só se limitaba a poñer a súa sinatura dando o visto bo aos acordos de Goberno e demais asuntos de trámite, e dunha Arquitecta Municipal que é capaz de asegurar coa máxima soltura que uns obsoletos servizos de abastecemento de auga e de saneamento xa insuficientes e precarios para unha poboación residente de 3.000 habitantes, pode ser capaz de dar os servizos indispensables e requiridos para un incremento de poboación de ata 17.000 habitantes que resultarían da ocupación das vivendas con licencia outorgada a partir do 1/1/2006 (Plan Sectorial), ou que é capaz de estar tramitando dende o Concello unha autorización de Augas de Galicia para a ocupación da zona de servidume dun caudal e, ao mesmo tempo, negar na concesión da licenza que tal caudal exista.
Para o colectivo, de non haber condena estaríase dando lugar a un mal precedente penal que implicaría, por unha parte, a anulación de toda a lexislación urbanística (sempre interpretable segundo o arbitrario criterio dos técnicos municipais prevalecendo sobre todas as demais) e a creación dun inaceptable agravio comparativo con outros cidadáns que, en igual situación, tiveron que soportar como as súas vivendas eran derribadas; e, por outra parte, a exención de toda responsabilidade urbanística por parte dos equipos de Goberno e Alcaldías, sen outra obriga que a de votar a favor dos informes técnicos.